O feminismo como motor da obra literaria de Begoña Caamaño

Entrevista de Manuel Xestoso a Marta Dacosta e Marga do Val en Nós Diario:
“(…) “En moitas ocasións denígrase a vocación política como motor da literatura, nunha contradición manifesta coa vontade das autoras. Sucedeu por exemplo, con Luísa Villalta, sobre a que se elaboraron moitos discursos que puñan o foco naqueles aspectos menos controvertidos da súa obra. Non queremos que suceda isto con Begoña Caamaño, quen declarou por activa e por pasiva que a súa militancia feminista e a prol da lingua galega facía parte indisolúbel da súa obra literaria”.
A escritora Marta Dacosta falaba así con Nós Diario sobre a autora de Morgana en Esmelle pouco antes da súa intervención na palestra Feminismo e literatura. O compromiso na escrita feminina. O exemplo de Begoña Caamaño, que tivo lugar onte no Centro Sociocultural das Fontiñas, en Compostela e na que interviron Marga Do Val e a propia Dacosta. O acto, segundo esta última, tiña vontade divulgativa, “queremos dar a coñecer a figura de Caamaño en todas as súas moitas facetas. Ela sempre se declarou feminista e aplicou esa definición tanto ao seu traballo de activista como a toda a súa obra literaria”.
Caamaño foi unha das promotoras da Asociación de Mulleres Galegas na Comunicación (MUGACOM), e militou en Mulheres Nacionalistas Galegas (MNG) e na Marcha Mundial das Mulleres -organizadora do acto de onte-, polo que salientar esta faceta da súa figura resulta fundamental para comprender a globalidade do seu traballo creativo.
As dúas novelas polas que é máis coñecida Caamaño inciden nesa necesidade de ter presente o seu compromiso á hora de avaliar a súa obra. Marga Do Val explica que “Circe ou o pracer do azul revisa a mitoloxía grega desde un punto de vista feminista; Morgana en Esmelle enlaza a materia de Bretaña co mundo de Cunqueiro, desde unha mirada feminina que opón os roles de Morgana e de Viviana aos propósitos e intencións de Merlín”.
Do Val inscribe ese proxecto de “reescribir” os mitos desde a óptica feminina nunha corrente que remonta á novela de Christine Brückner Se tiveses falado, Desdémona, ou a algunhas obras de María Xosé Queizán ou de Xohana Torres, en cuxos versos se apoia Caamaño. (…)”