A AELG solicita a reposición no seu lugar orixinal do monólito dedicado a Antón Avilés de Taramancos en Monforte de Lemos

Desde a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) facemos constar a nosa profunda preocupación pola situación do monólito dedicado ao escritor Antón Avilés de Taramancos en Monforte de Lemos, inaugurado en 2003, con motivo da celebración do Día das Letras Galegas nese ano.

Segundo informacións divulgadas publicamente, leva varios meses tirado nunha leira de propiedade do Concello de Monforte, próxima ás instalacións do punto limpo, onde fora trasladado desde a rúa a que dá nome o autor, por parte dunha empresa que realizou arranxos recentemente nas beirarrúas.

Tendo en conta a enorme relevancia intelectual, poética e persoal de Antón Avilés de Taramancos, quen ademais fora presidente da AELG entre 1986 e 1988, solicitamos que sexa reposto urxentemente este monólito no seu emprazamento orixinal, restituíndo así a súa xusta memoria e valoración como autor fundamental da nosa literatura.