Pere Tobaruela, novo correspondente da Real Academia Galega: “A banda deseñada ou libros con información gráfica recuperan lectorado”

Entrevista de Antón Escuredo a Pere Tobaruela en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Para ser correspondente da Real Academia Galega hai que ter detrás unha traxectoria.
– Pere Tobaruela (PT): Desde logo. Falar da miña traxectoria e dos meus méritos como podes comprender é un pouco difícil mais obxectivamente é así. Unha institución da envergadura da Academia, sobre todo, necesita persoas cunha traxectoria avalada pola súa profesión, polas súas capacidades ou polas titulacións académicas. No meu caso, son unha persoa vinculada á lingua galega e comprometida. Sobre todo, creo que na Academia agora tamén se busca un compromiso coa nosa lingua e a nosa cultura. Nese sentido, a miña traxectoria literaria de todos estes anos é un aval diso, ademais doutras facetas desenvolvidas en Catalunya e aquí no eido da xestión cultural e vinculación máis práctica, non tan literaria. (…)
– ND: Fálase moito de que agora a xente máis nova non le tanto literatura. Que opina?
– PT: Non se trata de ler máis ou menos. Trátase da capacidade de concentración. A dispersión na que vive hoxe inmersa a nosa mocidade polas novas tecnoloxías. Por iso hai unha capacidade moi pouco desenvolvida e a lectura reséntese nese sentido. Mais hai novos rexistros literarios como é a banda deseñada ou como son os libros con máis información gráfica que creo que recuperan ese lectorado. (…)”