Entrevista de Marcos Pérez Pena a Ana Romaní en Praza:
“(…) – Praza (P): Unha das vantaxes de homenaxear unha figura contemporánea é que hai moitas persoas que coñecestes ben, en distintos momentos vitais e mesmo no momento que estaba inmersa no proceso de creación literaria, e resulta interesante coñecer o pouso que vos deixou, como era Begoña a nivel persoal e como iso se trasladaba transversalmente á súa biografía e á súa creación literaria. Así pois, como era Begoña?
– Ana Romaní (AR): Neste momento, para min, Begoña é unha grande ausencia. Percebes aínda ese oco dunha maneira emocionalmente moi forte. Para min, Begoña era unha figura dunha gran clarividencia intelectual. Boto en falla á súa análise do mundo. Gustaríame que estivese entre nos para poder seguir falando e escoitala como analizaba as realidades, como lía o que acontecía, o que nos está acontecendo neste momento. Boto en falla esa ollada e a lucidez da súa análise porque non quedaba na superficie. Era unha persoa moi exixente consigo mesma, moi perfeccionista. Nese sentido, a súa ollada sempre nos traía unha visión diferente. E iso bótoo moitísimo en falla en tempos tan complexos como estes que estamos vivindo.
E tamén, ao mesmo tempo, ese rigor, esa exixencia extrema na lectura do mundo, ía acompañada dunha certa esperanza, dun certo entusiasmo, dunha certa convicción utópica de que é posíbel a transformación e o cambio, de que as cousas non necesariamente teñen que ser así, que poden ser de outro xeito e que hai instrumentos para facelo así, para facer posible a mudanza. Nestes tempos nos que semella que non temos folgos, que temos unha certa percepción de ter que estar sempre a comenzar de novo, figuras como ela, con esa capacidade de análise e ao mesmo tempo de convicción en que é posible o entusiasmo e en que é posible a mudanza, pois fan moitísima falla.
– P: Esa análise para a acción ou esa reflexión para a acción, entendo que estaba presente no seu traballo como xornalista e creo que é unha boa definición do xornalismo ben feito. Pero está presente tamén na súa literatura. Aínda que se entrada pode dar a impresión de que as súas obras -que falan de mitos deconstruídos- non teñen moito que ver co seu labor como xornalista, creo en realidade non distaban tanto da súa actividade e da súa forma de entender o xornalismo: dunha reflexión para a acción e todo impregnado dunha ética e buscando sempre avanzar, non si?
– AR: Si, eu coincido niso. Creo que o xornalismo e a súa obra literaria están moi relacionadas e teñen un xermolo común. Penso que na xénese está o afán de saber, a curiosidade, está a pregunta; a interrogación como base e o obxectivo de transformación. En Circe ou o pracer do azul está claro, pero vexo aínda máis nítido en Morgana en Esmelle, que é unha novela profundamente política. De feito, ela díxoo en varias ocasións: ‘pretendo ofrecer vimbios para un cesto novo’. Ese estimular unha reflexión sobre a ética, sobre o sentido as cousas que facemos…, está nas novelas e por suposto está no seu xornalismo, no radiofónico e tamén no escrito.
Hai unha peza da que falo sempre, que é un artigo dela sobre Cabo Verde que é magnífico: sobre a situación do país, sobre o FMI, sobre o espolio dos países empobrecidos… e escrito ademais dunha maneira xornalística impecable. Dalgunha maneira nese artigo está xa por exemplo o programa radiofónico que foi o seu gran proxecto radiofónico: Andando a Terra, con esa vocación de transformación desde o coñecemento, dando instrumentos, xerando preguntas. (…)”