Entrevista de Antón Escuredo a Suso de Toro en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Unha reedición sempre é voltar ao pasado. Non é a primeira vez que chega ás librarías unha obra súa publicada anos atrás. Neste caso, con Land Rover, lembra como naceu?
– Suso de Toro (ST): Publicouse en 1988 mais eu xa comezara a escribila e tiña unha primeira versión en 1986, despois de sacar Polaroid. Debo explicar como, unha vez está na rúa un libro tan aberto como Polaroid, do que agora xa van 40 anos, empezo a escribir Land Rover. É un libro moi distinto, aparentemente. Se o primeiro era aberto e construído con fragmentos moi diversos, a outra era unha novela canónica do século XX. Hai saltos no tempo e no espazo, con linguaxes diversas, mais é unha única historia moi trabada, fechada, con lóxica e tráxica. Había un contraste.
Polaroid catalizou un público que esperaba algo, que desexaba algo da literatura galega. Había moita xente que estaba esperando algo distinto na literatura galega, que ocorrese algo distinto e que se fixase. Basicamente foi unha xeración. En certo modo houbo quen celebrou a chegada dese libro mais houbo outra que non. Houbo unha reacción en contra por parte de certa crítica. Dalgún modo había quen dicía que non era un libro dun autor serio. Ou que non tiña capacidade como para nomealo como un verdadeiro autor. Creo que por este motivo veu a miña resposta nunha especie de demostración de que se non escribín antes unha novela “canónica” foi porque non quixen. Land Rover foi unha resposta a unha parte da recepción de Polaroid.
– ND: Contou nalgunha ocasión que escribiu Land Rover nunha mesa de cámping e só contaba cun bolígrafo e cun caderno…
– ST: Si, é certo. Aínda teño o caderno gardado nunha caixa. É curioso que os libros que escribín despois, e até hoxe, exíxenme moito máis. En Land Rover só tiña que inventar, e de memoria, unha historia e uns personaxes. Era algo que podía resolver de maneira doada cun caderno grande e cun bolígrafo.
– ND: A memoria sempre estivo presente na súa obra e Land Rover non é unha excepción. Neste caso fala da memoria familiar.
– ST: Realmente unha parte da miña obra, da miña vida e da miña elaboración da memoria persoal, en paralelo á obra literaria, ten relación con iso. Coa procura de reconstruír unha memoria familiar que non tiña. De feito outro libro, Sete palabras, está dedicado a construír a memoria que non tiña dunha parte da miña familia, da paterna.
– ND: Ademais, introduce na historia a fenda que significou na sociedade galega o Golpe de Estado e a posterior represión. Foi consciente dalgunha maneira de que era unha demanda que tiña a súa xeración?
– ST: Remítome aos anos da orixe do conflito, si. Xa en Polaroid aparecía nunha parte na que fago unha síntese, un intento de explicar a sociedade galega do momento, rota e confusa, que ten unha porcentaxe de autoodio. Busquei representala. Tamén o fixen en Land Rover a través dunha familia en concreto que mostra unha sociedade rota e chea de violencia interna, moi autodestrutiva. É unha visión dura da sociedade galega.
Esforceime nos anos 80 por ofrecerlle ao público lector, nese e noutros libros, unha visión da Galiza distinta da que se quería e lle gustaba representar á literatura galega. Nese momento representábase á sociedade galega como unha vítima. A miña visión é moito máis dura e máis autocrítica. Nese momento a miña obra estaba ao servizo de representar outra visión do noso país. (…)”