Entrevista de Manuel Xestoso a Eva Veiga en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Recibe vostede un recoñecemento como escritora na súa propia terra, en Pontedeume. Que importancia ten que sexa precisamente aquí, o seu “paraíso da infancia”?
– Eva Veiga (EV): Hai poucos recoñecementos tan gratificantes para unha escritora como o que se recibe na propia terra. Por varias razóns: unha delas é que un sempre desexa que o queiran os seus, a súa xente. Pero, ademais, no meu caso o territorio e a paisaxe son esenciais. Este espazo forma parte do meu íntimo imaxinario e da miña aprendizaxe, pero tamén transcende o persoal para facerse simbólico na miña obra. A poesía ten esa capacidade de facer que o evidente, o que vemos, se transforme noutra forma de vida. Para min a natureza é, ante todo, coñecemento. Nela aprendes que todo se interrelaciona; que a vida é unha comunidade vexetal, animal e mineral baseada na reciprocidade e non en elementos desconectados.
– ND: A súa vocación poética revelouse aos catro anos a través dunha experiencia case máxica na escola.
– EV: Así foi. Fun á escola moi cedo, nunha desas escolas unitarias de nenas onde compartiamos espazo as nenas de catro anos con mozas de catorce. Un día, a mestra leu un poema sobre a metamorfose dun verme en bolboreta. Aquilo foi un acontecemento que me cambiou a mente e as neuronas; quedei abraiada ante o que era a poesía. Eu xa traía a oralidade de nacemento porque a miña avoa paterna recitaba Rosalía e sabía dicir os poemas, pero aquel momento reveloume unha certa ritualidade no dicir. Foi como se todo se despregarase no aire con maxia, cunha hiperrealidade onde as cores da metamorfose se producían realmente ante min.
– ND: Despois de tantas décadas dedicada á escrita, como consegue manter viva esa capacidade de asombro e esa percepción do universo como totalidade?
– EV: Para min a poesía supuxo unha muda no modo de ollar e de estar no mundo. Cando habitas o mundo dese xeito, a mirada é sempre nova porque a poesía o que fai é afinar a atención. Esa atención permite descubrir cousas novas constantemente porque a vida renóvase sen fin, e nós con ela. O marabilloso da creación é que non é algo que vén xa feito, senón que se fai no momento; é unha conversa co mundo, cos demais e cunha mesma. Eu teño unha percepción do tempo integrada, circular e non puramente cronolóxica. Sinto que cando actúo no presente fágoo co todo o pasado e mesmo co futuro. O que pasa no presente esperta o que xa pasou e faino presente de novo, pero renovado. Estamos vivos na medida en que nos transformamos: cando algo deixa de transformarse é que está morto. (…)”