María Xosé Porteiro: “O Vigo de Begoña Caamaño era unha cidade nova, socioloxicamente falando, que se estaba construíndo”

Entrevista de Marcos Pérez Pena a María Xosé Porteiro en Praza:
“(…) – Praza (P): A min sorpréndeme, non sei a ti, que nunha primeira novela ela faga unha escolla tan ambiciosa e que, ademais, sendo unha xornalista, moi apegada á actualidade e cunha vontade de intervención, de cambiar o mundo, ela tire polos mitos. Por mitos, por suposto, deconstruídos, e que falan do presente, de aí o valor dos mitos…
– María Xosé Porteiro (MXP): Unha cousa que puiden facer agora foi revisar todos os audios que hai dela, de entrevistas que lle fan a raíz da publicación das novelas. Ela o que fai é unha revisión deses mitos en clave feminista, de como podería ter pasado que houbese tamén un vinculo entre as mulleres que son protagonistas da historia que nos conta Homero. Ela dános esa lectura, que é unha lectura actual, pois ela revisita eses mitos con ollos de hoxe. E o mesmo fai con Morgana, rescata un mundo en feminino para reelaborar algo. E quería facelo tamén con Sherezade.
Iso fai de Begoña unha persoa intelectualmente moi potente que non se pon límites, o cal me parece coherente coa súa capacidade. Era moi afouta nese sentido, esa afouteza de dicir tanto me ten se me estrelo, pero isto é o que eu quero facer. Hai que ter moito valor para facer as cousas así.
– P: Non había distancia entre a Begoña xornalista e a Begoña literata, non si? Ao final xornalismo e literatura van moitas veces da man, con fronteiras que ás veces se dilúen…
– MXP: Ese é un erro que cometemos todas e todos. Porque, mira, como dicía antes, da literatura non se vive, claro que non, e por iso hai tantos literatos que son xornalistas ou colaboran en medios. Pero hai unha gran diferenza. Fernández Ferreiro dixo moi claro que é xornalismo cando estás falando sobre a realidade, dígalo tan bonito como queiras, tan literariamente como queiras, pero non estás inventando ou imaxinando algo. Pero cando ti inventas, aínda que sexa en base a un feito real, aí estás facendo literatura. Para min, unha cousa é xornalismo e outra literatura. Unha cousa é que haxa literatos que tamén escriben en xornais, pero iso non significa ser xornalista.
– P: No libro dedicas espazo tamén a destacar como Begoña se insire nunha tradición, longa en Galicia, de homes e mulleres que por necesidade ou por gusto tiveron un pé en cada campo, non? Dende Cunqueiro a Xohana Torres…
– MXP: Si, e Manuel María, que é unha persoa que para min ten un vínculo moi grande con Begoña. De feito chámalle Andando a Terra ao seu programa ideal, un título que é como se chamaba unha sección de Manuel María tamén. Manuel María traballou na radio, traballou en xornais e vivía do xornalismo. Que é algo do que case ninguén se lembra, parece que sempre foi un poeta. (…)”