Xosé Luís Mosquera Camba: “É admirable a enerxía do Batallón”

Entrevista de P. Blanco a Xosé Luís Mosquera Camba en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): Como lle chegou o certame?
– Xosé Luís Mosquera Camba (XLMC): Dun xeito moi natural, vin a convocatoria e andaba argallando cun texto entre as mans. A maioría da xente que escribimos poesía en galego penso que xogamos á ruleta dos certames, porque non hai moitas opcións para ver publicado un texto. Pareceume oportuno envialo e a partir de aí quedou xa nas mans doutros e doutras. Encantadísimo co premio, claro, mais hai un gran compoñente de sorte e azar nestas cousas. A chamada para comunicarmo dende Cee foi toda unha sorpresa, colleume nun centro de saúde e penso que a miña primeira reacción foi a de pensar que se trataba dun erro, pois con Cee non teño vínculo en directo. De calquera xeito, unha alegría. Sempre son estas novas as que un quere esperar.
– LVG: Que lle parece este certame no 30.º aniversario do Batallón?
– XLMC: É admirable, sorprendente e fascinante que teñan aínda ese folgo, esa enerxía, ese ánimo e esa ilusión por seguir facendo cousas como colectivo. Considero un luxo para calquera comarca ter escrito ese capítulo da historia da literatura galega, neste caso a da Costa da Morte. Gran parte dos integrantes daquela aventura son hoxe nomes inseparables da historia contemporánea da literatura en galego. Que sigan dicindo aquí estamos, e que sigan facendo cousas que continúan a facer medrar as nosas letras, pois é de sacarse a gorra, como se di. (…)”