Ana Romaní, académica, poeta e xornalista compañeira de Begoña Caamaño: «Begoña segue incomodando, máis hoxe que hai dez anos»

Entrevista de Mila Méndez a Ana Romaní en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): A Begoña Caamaño hai que lela, pero tamén escoitala.
– Ana Romaní (AR): Eu creo que é moi importante escoitala. Acceder aos materiais sonoros e escoitala. É unha xornalista radiofónica, toda a súa traxectoria profesional está vinculada á radio, ao son e á voz. Os seus traballos para a radio poden ser un lugar magnífico de encontro. Escoitar as entrevistas que fai, que e como pregunta, como guía as conversas, as súas reportaxes e crónicas. Deterse especialmente no seu programa Andando a terra que reflicte e congrega moitos dos trazos que caracterizan o seu xornalismo. E escoitala tamén no que responde nas entrevistas e nos seus artigos. Canto á narrativa tanto Circe ou o pracer do azul como Morgana en Esmelle son bos camiños para se iniciar na escoita da súa voz de narradora.
– LVG: Onde está hoxe presente a súa voz?
– AR: Nos proxectos colectivos que se implican na articulación de formas alternativas de enfrontar a complexidade da vida, das vidas. En calquera lugar que permita pensar e actuar nos procesos de construción de sociedades máis xustas, igualitarias, plurais. A min paréceme escoitala alertando sobre a inxustiza, as opresións, as agresións, a perda de dereitos…por exemplo avisando do xenocidio en Gaza, a violencia estrutural do patriarcado e os asasinatos, as agresións ás soberanías, a alarmante involución social, a manipulación informativa, o desmantelamento dos servizos públicos, sanidade, medios, educación, a preocupante situación do noso idioma… Ela xa falou de todo isto e mesmo sorprende a actualidade da súas palabras, da súa lectura.
– LVG: Ademais de escribir, sinto que Begoña transmitía tamén unha forma de estar no mundo. Pensa que é así?
– AR: Si, a súa figura traslada a través, non só da súa obra (cando falo de obra falo dos libros mais tamén do xornalismo) tamén das súas posicións e declaracións, a consciencia de saber onde estás, que implica a túa posición, desde que lugar falas e con que te comprometes. Nese sentido falou da responsabilidade, de ser conscientes das consecuencias dos nosos actos, das nosas decisións. Insistía na relevancia do coñecemento, dicía «a ignorancia condúcenos á pobreza, á miseria, á alienación», e nese sentido falaba tamén de que a cultura ten que camiñar apegada á ética. Non podes estar calada diante do que pasa. E ademais fala da empatía, da necesidade de poñernos na pel das outras persoas, das contradicións que nos constitúen, e da esperanza. A súa obra, a narrativa, o xornalismo, a súa intensa actividade en asociacións e colectivos, trasladan a relevancia dese pensamento que mobiliza, un pensamento que actúa. (…)”