Alberte Momán: “O que me conduce a escribir é, basicamente, a obsesión”

Entrevista de Antón Escuredo a Alberte Momán en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Desde 2003 e até a data ten publicado 20 obras de poesía e 23 de narrativa. Sería o que chamaríamos un escritor prolífico. Cal é a razón desta esta “voracidade” literaria?
– Alberte Momán (AM): Acompaño normalmente a escrita con lecturas e elas proporciónanme principalmente preguntas que me fago a min mesmo. Son bastante obsesivo en moitos aspectos e tendo a buscar respostas. Para consolidar esas respostas ou esas reflexións nas que vou caendo segundo vou lendo necesito plasmalas nalgún sitio. Así, parto inicialmente de pequenos bosquexos, frases ou parágrafos que vou recompilando e que despois podo enlazar. En moitos casos remata por ser unha historia ou un libro de poemas. O que me conduce a escribir, basicamente, é a obsesión.
Por outra parte, as miñas novelas son “micronovelas”. Son breves, rara vez chegan ás 100 páxinas, nunha liña moi próxima ao Pulp clásico. Con todo, tento darlles un pouco máis de contido, de reflexión que no Pulp que conta con obras normalmente lixeiras e bastante mal escritas. As miñas novelas tenden ás denominadas “psychobilly” con acción constante e dándolle unha volta aos heroes clásicos da literatura e da banda deseñada.
– ND: Comentou nalgunha ocasión que a súa primeira lectura foi unha obra de Neira Vilas. Que está lendo na actualidade?
– AM: Agora mesmo estou lendo principalmente ensaio. Empecei coas obras de Mark Fisher e seguín con June Fernández. Neste último caso interesoume o tratamento do feminismo desde distintas perspectivas, na liña do que eu estaba facendo. Tamén achegueime a Jean Baudrillard. Son a influencia que teño agora mesmo principalmente na miña poesía. Iso si, fago é unha revisión propia e moi persoal dos seus textos.
– ND: E que temáticas ten agora mesmo na cabeza que poderían rematar nun libro?
– AM: Hai dúas que me viñeron obsesionando nos últimos meses. Por unha parte o desexo visto desde o punto de vista do filósofo francés Deleuze de como inflúe na nosa forma de actuar, na nosa actitude vital, e como mesmo pode acabar actuando en contra dos nosos propios intereses individuais ou incluso como sociedade. E despois, por outra parte, está o tema do silencio desde o punto de vista de Foucault. De como o silencio responde aos intereses do poder. Ademais, reflexiono sobre o tema do simulacro, de Baudrillard. Ese outro eu virtual, ese “matrix” no que estamos inmersos por crear un ser virtual que, en teoría, chega a representarnos. (…)”