Desde a Deputación da Coruña:
“A área de Cultura da Deputación da Coruña deu a coñecer esta mañá unha das súas últimas publicacións, Quen conduce o Estado: Arte, ideas, artistas e movementos que deron forma á vitoria do Estatuto de Galicia de 1936, da historiadora da arte, investigadora e escritora Iria-Friné Rivera Vázquez. Trátase dun ensaio sobre a arquitectura da campaña do plebiscito do Estatuto, os precedentes históricos, estéticas contemporáneas e a as figuras que transmitiron a súa relevancia a tempos recentes. Presentou a obra a titular de Cultura, Natividade González, a quen acompañou a autora.
O primeiro Estatuto galego é, para a deputada, “un dos grandes fitos políticos da historia contemporánea de Galiza”. “Falamos”, destacou, “dun pobo que expresou democraticamente a súa vontade de avanzar no autogoberno e de decidir sobre o seu propio futuro”. (…)
O obxectivo de Quen conduce o Estado é, segundo a autora, “servir a Galicia e a sua sociedade”. “Contribuír”, engadiu, “á relevancia de aquilo que a constitúe: a cultura, arte, economía, historia, tradición política e de xestión, industria, agro e imaxe pública”.
“No libro expoñemos a enorme transcendencia de todo o proceso do Estatuto de 1936: dende os seus antecedentes históricos ata o plebiscito, conectándoo coas grandes cadeas de pensamento europeo e americano, o sufraxio feminino, a comunicación de masas, a educación e o contexto social e económico dos anos 30”, explicou Rivera Vázquez.
A autora salientou tamén “a análise da campaña e a potente creatividade visual deseñada para os espazos públicos, que contou coa tecnoloxía máis avanzada da época e co talento de creadores da talla de Camilo Díaz Baliño, Isaac Díaz Pardo, Castelao, Carlos Maside, Luís Seoane, Bernardino Vidarte ou López Bouza”.
“A aprobación do Estatuto foi froito do traballo colectivo e transversal de todas as clases sociais”, afirmou a investigadora. “Agradecemos á área de Cultura da Deputación da Coruña a súa visión e criterio ao apoiar este libro sobre un feito histórico crucial para a nosa democracia”. (…)”