Falece o xornalista e escritor portugués José Viale Moutinho aos 81 anos

Desde Nós Diario (foto desde Facebook):
“O escritor, xornalista e investigador portugués José Viale Moutinho faleceu esta terza feira aos 81 anos, vítima dunha doenza súbita que padecía, segundo comunicou a súa familia, tal e como recolle a axencia de noticias Lusa. Nado en Funchal, na illa portuguesa de Madeira, o 12 de xuño de 1945, Viale Moutinho residía no Porto e desenvolveu a súa traxectoria profesional tanto no xornalismo como na literatura, cunha extensa obra traducida a idiomas como o ruso, o búlgaro, o castelán, o alemán, o italiano, o catalán, o asturiano e o galego.
Estreouse como novelista en 1968 coa obra Natureza Morta Iluminada e, desde aquela, publicou perto de medio cento de libros infantís, ademais de traballos de investigación centrados na literatura popular, na Guerra Civil do Estado español e na posterior represión franquista, así como estudos sobre autores como Camilo Castelo Branco e Trindade Coelho.
Ao longo da súa carreira participou da dirección da Associação Portuguesa de Escritores, a Sociedade Portuguesa de Antropologia e Etnologia e o Círculo de Cultura Teatral, e presidiu tamén a Associação dos Jornalistas e Homens de Letras do Porto. Era tamén socio do Pen Clube Português e da Academia de Letras de Campos de Jordão, no Brasil.
Viale Moutinho mantiña unha relación moi estreita coa cultura galega: era membro honorario da Real Academia Galega e recibiu en 2012 o Premio Rosalía de Castro, outorgado polo PEN Club de Galicia. Entre os recoñecementos recibidos ao longo da súa traxectoria figuran tamén o Grande Prémio do Conto Camilo Castelo Branco (Associação Portuguesa de Escritores), o Grande Prémio de Reportagem Norberto Lopes (Casa da Imprensa de Lisboa), o Prémio de Periodismo El Adelanto, o Prémio Edmundo Bettencourt, unha Medalla de Honra da Sociedade Portuguesa de Autores e, xa en 2021, o Prémio D. Diniz da Fundación Casa de Mateus e o Prémio de Tributo Consagração da Fundación Inês de Castro, así como, tamén en 2021, o premio especial do xurado de aRitmar á Embaixada da amizade galego-lusófona.”