Entrevista de Ana Abelenda a Ramón Nicolás en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): Como naceu este libro «pouco ortodoxo», como se coida de advertir?
– Ramón Nicolás (RN): Quixen mesturar a figura de Begoña, a quen admirei como persoa e narradora, e eses paisaxes da infancia dela que foron compartidos por min. E isto é dalgún xeito memoria persoal. Hai memoria, seudobiografía, ficción, e en función dos espazos tamén algúns datos de historia. Pasamos todos os días por lugares de Vigo que aínda se poden pasear polos que viviu Begoña, cheos de historia e significado. A obra deriva de xeito espontáneo dun traballo de investigación cara á docencia co meu alumnado. Pensei «aquí hai un libro!».
– LVG: Ten este percorrido pola infancia da autora a forza de memoria social e, á vez, feitizo de conto.
– RN: O que conto de Begoña está documentado sobre todo en fontes orais, pero hai algo de literatura. Aludín a esa estrutura dos contos e dos relatos. Un dos personaxes que me facilitou a redacción foi Morgana, que me veu da man de Begoña. É Morgana quen coñecía a Begoña moito máis ca min… (ri).
– LVG: Con Caamaño revisitamos mitos. Por que escolleu entoar na escrita esta voz mestiza e coral, que é ao tempo a de Morgana, a de Begoña e a súa propia?
– RN: Está a voz de Begoña, estou eu e está a propia Morgana que o sabe todo, si. E que se traslada de espazo coa ollada de Begoña. É importante ese territorio no que ela se formou, o dos primeiros xogos, as descubertas, os seus comezos a cabalo entre o mundo rural e o mundo urbano. E esa presenza tan curiosa, nun barrio como era O Calvario, de dous cines! (…)”