As Letras Galegas 2027 celebrarán a Xosé Neira Vilas

Desde a Real Academia Galega:
Eu son… Balbino. Un rapaz da aldea. Coma quen di, un ninguén. Con este célebre comezo, no ano 1961 saía do prelo en Buenos Aires por primeira vez Memorias dun neno labrego, un dos libros máis lidos, vendidos e traducidos da literatura galega de todos os tempos. O seu autor, Xosé Neira Vilas (Vila de Cruces, 1928-2015), será o protagonista do Día das Letras Galegas 2027, de acordo coa decisión adoptada por unanimidade polos membros de número da Real Academia Galega no pleno ordinario celebrado este mediodía no pazo municipal de María Pita, despois de que se retirase na propia sesión a outra candidatura presentada, a do filólogo Constantino García González (Oviedo, 1927-Santiago de Compostela, 2008). O vindeiro 17 de maio será así unha ocasión especial para lle agradecer ao de Gres a creación deste personaxe universal, pero non só iso. A RAG reivindicará Neira Vilas en todas as súas dimensións: a de autor dunha vasta produción literaria —que abrangue todos os xéneros—, o editor, o investigador, o activista cultural e mais o divulgador que, nun contexto histórico adverso, converteu o galego nun mecanismo de creación, de reivindicación e de afirmación colectiva. Dende Galicia e tamén, durante moitos anos, na diáspora en América, da que foi cronista indiscutible e sobre a que deixou un legado de gran valor documental.
Como escritor, Neira Vilas acadou algo extraordinario: crear unha obra profundamente galega e, ao mesmo tempo, universal. Memorias dun neno labrego é o exemplo máis evidente dese milagre literario. A través da voz inocente e lúcida de Balbino, retratou o mundo rural galego da posguerra cunha enorme sensibilidade, denunciando as inxustizas e recollendo a riqueza humana e emocional da aldea. Hoxe este rapaz transformado en símbolo colectivo segue vivo na memoria compartida porque fala dende a autenticidade e dende a emoción que traspasa xeracións. (…)”