Entrevista de Susana Rois a Sonia Villapol en Nós Diario:
“(…) Cerebro en modo ON nace deste interese triplo e da vontade de axudarnos a entender mellor o noso cerebro, “comprender por que pensamos, sentimos e nos comportamos de determinada maneira durante a adolescencia, e descubrir que podemos facer, e que debemos evitar, para coidalo e favorecer un desenvolvemento cerebral saudábel”.
– Nós Diario (ND): Coñecemos ben o cerebro humano e as súas calidades?
– Sonia Villapol (SV): Aínda estamos lonxe de coñecer ben o cerebro humano. Canto máis descubrimos, máis conscientes somos da súa enorme complexidade. Para min, o máis fascinante é a súa plasticidade: a capacidade de cambiar, adaptarse e reorganizarse coa aprendizaxe, as experiencias ou despois dunha lesión. Entender como podemos potenciar esa capacidade de reparación é un dos grandes retos da neurociencia, e curiosamente un dos temas que investigamos no meu laboratorio.
– ND: Como cambia o cerebro ao longo da vida e en que momento sofre a maior revolución?
– SV: O cerebro cambia continuamente ó longo de toda a vida. A maior revolución prodúcese durante a adolescencia, cando se reorganizan as conexións neuronais: elimínanse as menos útiles, o que chamamos a poda sináptica, e refórzanse outras. Reorganízanse e madura progresivamente a cortiza prefrontal, relacionada coa toma de decisións e o control dos impulsos. É unha etapa de enorme plasticidade na que as experiencias poden deixar unha pegada especialmente importante. No libro digo que é como podar unha árbore: non se fai porque estea mal, senón para que medre mellor.
– ND: Afirma que o cerebro pode adestrarse e que lle gusta sentir progreso. De que forma se transforma ou se constrúe cando experimenta estrés, toma de decisións ou motivación?
– SV: O cerebro constrúese e modifícase constantemente a partir do que facemos e experimentamos. Aquilo que repetimos tende a reforzar determinados circuítos neuronais: cando aprendemos algo, tomamos decisións ou superamos un reto, o cerebro vai consolidando esas conexións. Por iso dicimos que tamén podemos “adestralo”. A motivación é fundamental, e como saber acendela, aínda máis. Cando percibimos que avanzamos ou conseguimos un obxectivo, actívanse os circuítos cerebrais de recompensa, nos que a dopamina ten un papel importante, e iso anímanos a continuar e favorece a aprendizaxe. Pola contra, un estrés intenso e, sobre todo, mantido no tempo pode interferir coa memoria, a atención e a capacidade para tomar boas decisións. Incluso, estudos recentes vinculan o estrés e o trauma na infancia con cambios duradeiros no desenvolvemento e funcionamento do cerebro, que poden aumentar a vulnerabilidade a problemas de saúde mental e física na idade adulta. Por iso son tan importantes os hábitos: o que facemos cada día acaba moldeando o noso cerebro. Podemos aprender a establecer rutinas, reducir hábitos prexudiciais e reforzar aqueles que favorecen a saúde cerebral. Esa capacidade de cambiar coa experiencia é precisamente unha das grandes fortalezas do cerebro: a súa plasticidade. (…)”