Entrevista de Antón Escuredo a Patricia Arias Chachero en Nós Diario:
“(…) Partindo dunha conferencia sobre Ramón Otero Pedraio que realizou no IES Castelao de Vigo no curso 2024-2025, a profesora e catedrática de Lingua e Literatura Galega Patricia Arias Chachero reuniu 30 escritos que explican e contextualizan a intensa relación entre o señor de Trasalba e o político rianxeiro.
A iniciativa xurdiu tomando como punto de referencia a conferencia que Otero Pedraio realizou o 18 de setembro de 1971 no Museo Carlos Maside de Sada (comarca da Coruña) co título d’A miña amizade con Castelao. “Primeiro, Xosé Manuel Soutullo, e despois, Xesús Alonso Montero animáronme a ir máis alá e facer unha colectánea que creo que serve moi ben de ponte para fechar o ano Castelao e abrir o Oteriano”, explica a Nós Diario e investigadora.
Arias Chachero, nunha extensa introdución, fai un percorrido cronolóxico polo principais momentos vitais que viviron xuntos Otero e Castelao que despois aparecen nos textos do primeiro. Porén, a editora evita citar os textos que se reproducen no volume. “O primeiro é dos anos 30 e o último publicouse en 1995, mais foi en 1975, coincidindo co 25º aniversario da morte de Castelao, que don Ramón falou e escribiu sobre el”, sinala.
Malia o intenso traballo de procura de documentación, esta profesora asegura que aínda quedan inéditos por descubrir. “Castelao e Otero Pedraio son, se cadra, os autores máis traballados da nosa literatura e, aínda así, seguen aparecendo documentos inéditos, como me pasou a min cun texto de 1957 que forma parte do libro Do San Lucas ó San Xohán, aínda sen publicar, ou unha carta que escribe a Virxinia en 1954”, afirma Patricia Arias Chachero en conversa con Nós Diario.
Nos textos publicados nesta edición salienta a amizade “de irmáns” entre ambos os dous protagonistas mais tamén a profunda admiración de Otero cara a Castelao, até o punto de ver nos anos 30 a transcendencia nacional do rianxeiro. “Don Ramón comeza a reivindicalo con moitísima forza neses anos, en plena actividade política, e di que hai que facerlle unha homenaxe, unha idea que se materializaría en 1932”, relata a investigadora.
Nos textos que aparecen neste libro, Otero Pedraio describe como coñeceu Castelao en 1920 e os diferentes momentos que viviron xuntos. “Os anos en Madrid son anos de convivencia intensa. Castelao collía o tren en Pontevedra e, xa en Ourense, subía Otero Pedraio”, conta a profesora. Dese período con moita actividade política hai moitas anécdotas que afondan no carácter e na maneira de ser dos dous. “Unha delas é aquela que sucedeu nun hotel en Madrid cando Castelao lle conta a Valentín Paz Andrade que está pasmado por descubrir que Otero canta ópera cando se afeita e pide dous almorzos pola mañá”, pon de exemplo Arias Chachero.
A relación con Castelao tamén descobre un Otero Pedraio inédito, como cando escribe un artigo furibundo contra os que desterraron o rianxeiro a Badaxoz en 1934. “Don Ramón era un home moi sereno, que tendía pouco a maledicencia e aí está tan furioso que escribe con indignación un artigo no xornal El Sol, un medio de moita difusión na época”, indica esta investigadora. (…)”