Entrevista de Rafa López a Sonia Villapol en Faro de Vigo:
“(…) – Faro de Vigo (FV): Di que a idea do libro xurdiu das túas charlas con escolares. Que aspectos do cerebro lles espertan máis curiosidade?
– Sonia Villapol (SV): O que máis me sorprende cando visito os colexios ou dou charlas virtuais é a curiosidade dos nenos e nenas, e canto máis pequenos, mellor. Fan preguntas con moito sentido común porque están realmente interesados no que lles estás contando e non teñen vergoña de expresar as súas dúbidas. Queren saber por que se producen as enfermidades, por que a súa avoa ten alzhéimer ou por que non é tan saudable como parece beber un zume de catro laranxas espremidas pola mañá. Os adolescentes, en cambio, adoitan preguntar máis sobre as adiccións, as consecuencias da falta de sono ou como poden memorizar mellor o que estudan. Encántalles descubrir as explicacións biolóxicas das súas propias reaccións impulsivas. Explícolles, por exemplo, o papel da amígdala no procesamento das emocións e como se relaciona con outras rexións cerebrais encargadas de regular as nosas respostas. Tamén lles interesa saber por que lles custa tanto levantarse polas mañás, e aí aproveito para falarlles dos cambios nos ritmos circadianos e na secreción de melatonina durante a adolescencia que é diferente á etapa adulta. Cando entenden que moitos dos seus comportamentos teñen unha explicación neurobiolóxica, quedan fascinados.
– FV: Tiñan algunha falsa crenza sobre o cerebro?
– SV: Un dos mitos máis estendidos é que só utilizamos o 10% do cerebro, e esta é unha pregunta recorrente. Iso é completamente falso. Utilizamos todas as rexións cerebrais, aínda que non todas están activas coa mesma intensidade ao mesmo tempo. Outro mito é pensar que temos un hemisferio creativo e outro racional, coma se as persoas fosen dun tipo ou doutro. En realidade, ambos os hemisferios traballan continuamente conectados e participan en múltiples funcións cognitivas. Comprender o que sucede no noso cerebro tamén nos axuda a comprendernos mellor a nós mesmos e porque nos comportamos así coa nosa familia ou coas amizades. (…)”
Arquivos da etiqueta: Cerebro en modo ON
Sonia Villapol: “O preocupante non son as pantallas senón o que poden desprazar: horas de sono, exercicio, conversas presenciais ou simple aburrimento”
Entrevista de Susana Rois a Sonia Villapol en Nós Diario:
“(…) Cerebro en modo ON nace deste interese triplo e da vontade de axudarnos a entender mellor o noso cerebro, “comprender por que pensamos, sentimos e nos comportamos de determinada maneira durante a adolescencia, e descubrir que podemos facer, e que debemos evitar, para coidalo e favorecer un desenvolvemento cerebral saudábel”.
– Nós Diario (ND): Coñecemos ben o cerebro humano e as súas calidades?
– Sonia Villapol (SV): Aínda estamos lonxe de coñecer ben o cerebro humano. Canto máis descubrimos, máis conscientes somos da súa enorme complexidade. Para min, o máis fascinante é a súa plasticidade: a capacidade de cambiar, adaptarse e reorganizarse coa aprendizaxe, as experiencias ou despois dunha lesión. Entender como podemos potenciar esa capacidade de reparación é un dos grandes retos da neurociencia, e curiosamente un dos temas que investigamos no meu laboratorio.
– ND: Como cambia o cerebro ao longo da vida e en que momento sofre a maior revolución?
– SV: O cerebro cambia continuamente ó longo de toda a vida. A maior revolución prodúcese durante a adolescencia, cando se reorganizan as conexións neuronais: elimínanse as menos útiles, o que chamamos a poda sináptica, e refórzanse outras. Reorganízanse e madura progresivamente a cortiza prefrontal, relacionada coa toma de decisións e o control dos impulsos. É unha etapa de enorme plasticidade na que as experiencias poden deixar unha pegada especialmente importante. No libro digo que é como podar unha árbore: non se fai porque estea mal, senón para que medre mellor.
– ND: Afirma que o cerebro pode adestrarse e que lle gusta sentir progreso. De que forma se transforma ou se constrúe cando experimenta estrés, toma de decisións ou motivación?
– SV: O cerebro constrúese e modifícase constantemente a partir do que facemos e experimentamos. Aquilo que repetimos tende a reforzar determinados circuítos neuronais: cando aprendemos algo, tomamos decisións ou superamos un reto, o cerebro vai consolidando esas conexións. Por iso dicimos que tamén podemos “adestralo”. A motivación é fundamental, e como saber acendela, aínda máis. Cando percibimos que avanzamos ou conseguimos un obxectivo, actívanse os circuítos cerebrais de recompensa, nos que a dopamina ten un papel importante, e iso anímanos a continuar e favorece a aprendizaxe. Pola contra, un estrés intenso e, sobre todo, mantido no tempo pode interferir coa memoria, a atención e a capacidade para tomar boas decisións. Incluso, estudos recentes vinculan o estrés e o trauma na infancia con cambios duradeiros no desenvolvemento e funcionamento do cerebro, que poden aumentar a vulnerabilidade a problemas de saúde mental e física na idade adulta. Por iso son tan importantes os hábitos: o que facemos cada día acaba moldeando o noso cerebro. Podemos aprender a establecer rutinas, reducir hábitos prexudiciais e reforzar aqueles que favorecen a saúde cerebral. Esa capacidade de cambiar coa experiencia é precisamente unha das grandes fortalezas do cerebro: a súa plasticidade. (…)”