A retranca de Xosé Lois como arma de resistencia ante o poder

Entrevista de Manuel Xestoso a Xosé Lois O Carrabouxo en Nós Diario:
“O vindeiro domingo 6 de setembro, Xosé Lois González Vázquez, “O Carrabouxo”, recollerá o Premio Celanova, Casa dos Poetas. O galardón celebra unha traxectoria de máis de corenta anos de entrega ao humor gráfico e compromiso coa nosa identidade. O xurado definiuno como “un digno continuador de Castelao” e do Tío Marcos da Portela, o que serve de limiar para conversar con el sobre o humorismo.
Fiel á súa lendaria humildade, o debuxante ourensán matiza axiña este recoñecemento público: “Eu non son un digno continuador de Castelao, senón un indigno seguidor seu”. Aínda que comparte a esencia temática do histórico galeguista, baseada na “defensa da Galiza, do idioma e dos intereses do noso país”, considera que a figura do intelectual rianxeiro resulta inalcanzábel. “Castelao foi unha cousa moi grande e eu son un autodidacta que aprendín a debuxar por min mesmo”, sinala con orgullo, aínda que admite con gratitude que escoitar dita comparación “sóalle como unha sinfonía”.
O seu labor cultural mantivo sempre un forte vínculo coa comarca celanovesa, especialmente co padroado de Curros Enríquez desde os seus inicios na década dos oitenta. “Participei en todo aquel movemento que iniciara Xosé Manuel del Caño para recuperar a casa de Curros, que estaba en ruínas”, rememora. Eran tempos difíciles onde a recuperación da memoria histórica non contaba con apoio oficial: “Nós traballabamos con medios propios, sacrificándonos persoal e economicamente, porque era unha loita contra o poder que estaba naquel momento”. Aqueles esforzos pioneiros abriron o camiño para que hoxe sexan as propias institucións as que xestionen estes espazos. (…)”