Bieito Ledo, galardoado co XL premio Celanova Casa dos Poetas

Desde Nós Diario (foto do autor, Wikipedia):
“O xurado do premio Celanova, Casa dos Poetas, presidido por Antonio Puga Rodríguez, resolveu concederlle o XL Premio Celanova, Casa dos Poetas a Bieito Ledo, pola súa contribución á cultura galega desde o ámbito da xestión cultural, da edición e de propostas que procuraron sempre o afondamento nas nosas raíces dende a súa aldea de Padroso.
Os membros do xurado, logo de teren deliberado sobre as propostas internas presentadas e valoradas as súas traxectorias vitais no campo da defensa da cultura galega e da Galiza, tal e como recollen as bases do certame, adoptaron esta decisión por unanimidade.
Bieto Ledo, concluíron, “é un ourensán universal que en todos os ámbitos onde estivo traballou a prol da cultura e da convivencia”.
Neste ano, 46 anos despois da creación dos Premios da Crítica da Galiza, aclara a Fundación Curros Enríquez nun comunicado, “cumpre recoñecer o seu aporte á vitalidade cultural do pobo”.
Neste sentido tamén destaca a súa achega “ao mundo editorial e ao saber cultural e científico do noso país co legado enciclopédico da editorial Ir Indo”. Salienta ademais o xurado que a súa “ourensanía fixo posíbel desde o Círculo Ourensá Vigués reunir ás mocedades da transición arredor dun proxecto de paz e convivencia de longa vida”.
O Padroado da Fundación Curros Enríquez reuniuse coa presenza de representantes do Concello de Celanova, da Consellería de Cultura, Educación, Formación profesional e Universidades, da Deputación Provincial de Ourense, da Real Academia Galega, do Consello da Cultura, da Universidade de Vigo e outros patróns a título individual, co fin de aprobar as contas e actividades de 2023 e outros asuntos internos da entidade, ademais da concesión do premio.
Así, informou, máis de 13.780 persoas foron atendidas pola Fundación Curros Enríquez ao longo do ano pasado. A Casa dos Poetas acolleu numerosas exposicións, presentacións de libros, conferencias e proxeccións “que enriqueceron a proposta cultural da vila ó longo de todo 2023”. A mesma liña de actividades vaise manter para o 2024, ano en que reforzarán a proposta de actividades literarias con roteiros destinados a escolares, grupos e visitantes en xeral.
A Fundación Curros Enríquez informou, ademais, da nova incorporación ao padroado desta entidade do poeta celanovés Baldo Ramos a título persoal.”

Manuel Rivas alerta da «situación de emerxencia» do galego ao recoller o premio Casa dos Poetas

DesdeManuel Rivas Sermos Galiza e La Voz de Galicia:
“Recibía a XXX edición do Premio Celanova Casa dos Poetas e aproveitou a ocasión para demandar unha alianza pola lingua, de “esquerda e dereita, nacionalistas ou non” co fin de crear un “hábitat” coas condicións precisas para garantir o seu futuro. A defensa dunha nova alianza social de Manuel Rivas devén da súa análise da situación da lingua galega que, segundo entende, está nunha situación de “emerxencia” en risco de autodestrución polo que chamou “bioperversidade”. “Rescatar a lingua de pleno dereito, que non sexa un refugallo”, reclamou Rivas no acto de recollida do premio, no seu berro por un “novo Rexurdimento”.
Botou man o escritor e xornalista do título de Celso Emilio, Onde o mundo se chama Celanova, para defender o “local universal” e manifestou sentirse da xeración de Curros, un “librepensador, republicano federal e xornalista valente”.
Compartiu Manuel Rivas o premio co tamén escritor e músico Xurxo Souto, encargado do discurso no que comparou a Rivas con Manuel María e Otero Pedrayo. “Rivas expresa o que todos estabamos a sentir e ninguén se atrevía a contar”, sinalou Souto, para quen a palabra do autor de Os comedores de patacas é “a rebelión da realidade”. Situou a Rivas nas Encrobas, a bordo do Xurelo ou nas mobilizacións de Nunca Máis para mostrar a face de “xornalista valente” que o escritor dixo admirar en Curros Enríquez.”

A Fundación Curros Enríquez recoñece a Manuel Rivas co XXX premio Celanova, Casa dos Poetas

DesdeManuel Rivas 2 Galicia Hoxe:
“A Fundación Curros Enríquez acordou este venres, por unanimidade, concederlle o XXX premio Celanova, Casa dos Poetas ao xornalista e escritor Manolo Rivas, “polo seu longo e frutífero labor creativo, tanto nun como noutro campo, ambos os dous tan significados tamén na biografía de Curros Enríquez”.
Considera a fundación que “non hai ningún outro escritor na historia de Galicia que contribuíra tanto á internacionalización da literatura galega, ao conseguir publicar a súa obra nas máis prestixiosas editoriais europeas”.
Así mesmo, os patróns da fundación entenden que, tanto “pola indiscutible calidade do seu traballo creativo”, que foi levado ao cinema, como pola súa propia condición de xornalista “de prestixio” e de formador de opinión, contribuíu dunha forma “fundamental” non só a visualizar senón tamén a valorizar o idioma.
O XXX premio Celanova, Casa dos Poetas será entregado o domingo 7 de setembro en Celanvoa, como é habitual, nunha xornada que tamén servirá para recordar novamente a Celso Emilio Ferreiro con motivo do 35 aniversario da súa morte.”