Arquivo da categoría: Humor
Ferrol: inauguración da exposición “40 anos do Carrabouxo”, o sábado 9 ás 12 h.
A Coruña: inauguración da exposición 40 anos do Carrabouxo
Compostela: inauguración da exposición “40 anos do Carrabouxo”, o 5 de decembro ás 19:30
A Coruña: charla “Carlos Casares e o humor”, por Siro López Lorenzo
A Coruña: XIV Lúas de Outono 2023, Manuel María, o 19 de setembro
Fene: inauguración da exposición do 40 aniversario da revista Can sen Dono
O Carrabouxo, o personaxe de Xosé Lois, fai 40 anos
Artigo de Mar Álvarez en Nós Diario:
“O Carrabouxo é un personaxe que o debuxante Xosé Lois creou en 1982 e que viu por primeira vez a luz hai 40 anos nunha viñeta que coincidiu coa primeira visita dun papa á Galiza. “As vellas acudiron a recibilo en Santiago, as do debuxo levaban unha pancarta co lema de Xoán Paulo II, TOTUS TUUS, que elas escribiron como lles pareceu” explica Xosé Lois a Nós Diario.
Nestas catro décadas, O Carrabouxo apareceu de forma diaria no xornal ourensán La Región obtendo unha importancia que nin o propio Xosé Lois pensou nunca que fose conseguir: “Foi un fenómeno de comunicación”.
Xosé Lois describe O Carrabouxo como un personaxe “galego-céntrico” que recolle “aspectos da nosa psicoloxía e da nosa cultura”, o que permite que a poboación galega se sinta identificada con el, pois “todo sucede desde a visión da Galiza”. É por isto polo que existe unha “conexión directa” co público.
Xunto ao humor, a crítica social “ten un peso fundamental” nas viñetas do Carrabouxo. Estas cuestións permitiron que o personaxe se fixese moi popular. “Ser popular non significa ser famoso”, puntualiza Xosé Lois, “é que a xente recorde os chistes” ou que os utilice como lemas en movementos sociais.
“Hai entidades e colectivos que me chamaban para arroupar unha loita determinada” e incluír nunha pancarta de cabeza de manifestación “un chiste meu”; “iso son detalles de popularidade auténtica”. Con todo, Xosé Lois indica que “non creo que o humor sexa unha arma cargada de futuro, pois sigo facendo os mesmos chistes, coa mesma temática e a mesma crítica, que hai 40 anos”.
No referido ao debuxo das viñetas, Xosé Lois indica que “eu son unha persoa cunha ideoloxía concreta que puiden espallar durante 40 anos día a día” á custa de “reprimirte e autocensurarme moitas veces”. Así, sostén que, se ben poder transmitir a súa opinión é “un privilexio”, moitas veces a liña editorial do xornal non lle permitiu publicar moitos chistes. “Hai cinco anos fixen unha exposición de chistes censurados”, afirma. “Entendo que un medio teña uns intereses determinados; comprendo esa censura pero non a comparto”.
Independentemente dos conflitos co medio, Xosé Lois sostén que O Carrabouxo continuará “mentres eu poida seguir facéndoo e o xornal non me bote”, mais sostén que o personaxe “xa vai durar polo menos 1.000 anos máis ca min”.”