Entrevista de Manuel Xestoso a Carme Fernández Pérez-Sanjulián en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Como chegou á descuberta destes contos inéditos de Otero Pedraio da década de 1950?
– Carme Fernández Pérez-Sanjulián (CFP): Foi un achado casual. Eu non estaba procurando eses contos, senón consultando na Fundación Penzol materiais de Otero Pedraio dos anos 50. A Penzol custodia moitos fondos de autores e de Galaxia. Mentres examinaba uns cartafoles chegados da editorial —arredor de xuño de 2026, con materiais gardados desde a época de Fernández del Riego—, o arquiveiro sinalou uns documentos sen revisar. Ao abrilos, apareceron os orixinais manuscritos e mecanografados deste proxecto narrativo.
– ND: Que documentos integran este fondo e canto abranguía a proposta orixinal concibida polo autor?
– CFP: Nun dos cartafoles apareceron 49 contos orixinais manuscritos de Otero Pedraio, xunto cun índice redactado por el mesmo que constaba de 50 contos. Era a proposta para o que ía ser o seu primeiro volume de narrativa curta tras a guerra civil, Entre a vendima e a castañeira. O conto número 50 non consta en manuscrito; puido despistarse ou perderse no proceso de envío e revisión. Noutro cartafol independente atopamos tamén os textos mecanografados coa mesma numeración e orde do índice, o que confirma dous pasos ben definidos na preparación da obra.
– ND: Por que motivos só se publicaron 20 daqueles 50 relatos e que sucedeu cos 29 restantes?
– CFP: Iso responde a unha selección posterior por parte da editorial. Desde os criterios da editorial Galaxia daquela época, considerouse máis conveniente sacar un volume máis reducido, algo bastante lóxico, por outra parte. Otero Pedraio autorizou que fosen os editores quen fixesen esa selección. Con todo, como ocorre en calquera criba editorial, o libro publicado acabou sendo distinto do proxecto orixinal do autor. Os 20 contos escollidos saíron no volume coñecido, mentres que os outros 29 relatos quedaron arquivados e permaneceron inéditos en libro até hoxe. (…)”