“A edición número once do Premio de Historia Medieval de Galicia foi para a obra A nobreza na poesía lírica Galego-Portuguesa, de Antonio Rey Somoza. O xurado, reunido no Concello de Noia, o dezasete de decembro de dous mil once, cabodano do Mariscal Pardo de Cela, estivo formado D. Henrique Monteagudo como presidente e, como vocais, D. Xerardo Agrafoxo Pérez, D. Clodio González Pérez, D. Pedro García Vidal e D. Marcos Fernández Ferreiro; actuando como secretario, sen voto, Don David González Couso. O Premio é outorgado conxuntamente por Toxosoutos e os concellos de Carnota, Muros, Outes, Lousame, Noia e Porto do Son. A obra explora a información que ofrece o cancioneiro trobadoresco galego-portugués (no seu sector satírico) e as Cantigas de Santa María de Afonso X o Sabio, un corpus textual que corresponde á situación plenomedieval (século XIII) do centro e o occidente da Península ibérica. Un traballo que salienta polo seu carácter interdisciplinar, ao mostrar a utilidade da explotación dos textos literarios como fonte de información histórica, complementaria e nalgúns aspectos (por exemplo, no terreo das mentalidades) superior á obtida das fontes documentais tradicional. Os ideais e actitudes da nobreza son presentados coas mesmas palabras de individuos da época; os valores e o modo de vida nobiliar aparecen vividamente retratados; queda de manifesto a rigorosa estratificación da sociedade medieval -mesmo no interior do propio estamento privilexiado- reflectida na súa simboloxía e na ironía/sarcasmo das cantigas; tamén se recupera información de interese dende o punto de vista da relixiosidade (o culto mariano, a cuestión das milagres, etc); e, por suposto, información referida ao campo da cultura medieval e mesmo á historia do humor e o entretemento. Desde o punto de vista do propio premio, ten outra cualidade: abre as portas aos estudos que combinan a historiografía coa filoloxía, un aspecto previsto desde o comezo, pero ao que raramente se lle deu acollida.” Vía Asociación Galega de Editores.