Porto do Son: presentación do Anuario de Estudos do Barbanza 2016 e entrega dos Premios Barbantia da Cultura 2016, o sábado 3 de decembro

convite_anuario_2016Os premiados deste ano, segundo o escrutinio dos votos das socias e socios, son:
– Premio Barbantia á Traxectoria Cultural no Barbanza 2016: Maxi Olariaga.
– Premio Barbantia á Iniciativa Cultural no Barbanza 2016: Museo do Mar de Noia.
– Premio Barbantia da Cultura Galega 2016: Quico Cadaval.

Comunicarlles tamén que ese mesmo día, ás 14:30 h., faremos un xantar de confraternidade nun restaurante de Porto do Son. Para acudir ao xantar, é necesario anotarse antes do 30 de novembro no mail: barbantia@barbantia.org ou contactar co coordinador de Barbantia.

Xosé Antonio López Teixeira gaña o Premio de Investigación de Historia Medieval de Galiza e Portugal 2013

Desde Fervenzas Literarias:
“A Casa da Cultura do concello de Porto do Son acolleu o acto do fallo do Premio de Investigación de Historia Medieval de Galiza e Portugal 2013, que organizan conxuntamente a editorial Toxosoutos e os Concellos de Carnota, Lousame, Muros, Noia, Outes e Porto do Son dende o ano 2001.
O xurado do premio, formado por Henrique Monteagudo, Clodio González Pérez, Xerardo Agrafoxo, Ana Isabel Boullón, Pedro García Vidal e Olga Novo, decidiu por maioría entregar o premio á obra presentada baixo o lema Códice Calixtino, de Xosé Antonio López Teixeira. A obra gañadora deita unha ollada na historia de Galicia baseada nos documentos e afastada da visión habitual da historiografía española asentada por Menéndez Pidal. Salientan o coñecemento e a crítica da bibliografía existente e mais a exposición argumentada e documentada dunha tese que refuta o lugar común de considerar a Xelmírez como o principal axente político do sei tempo, para outorgarlle este papel a Pedro Froilaz, o conde de Traba, como cabezaleiro dunha clase aristocrática que tivo un maior protagonismo no desenvolvemento do reino de Galicia do que é adoito outorgarlle. (…)”

Concellos que acordaron celebrar o Día de Rosalía de Castro (V)

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega agradece o compromiso das corporacións provinciais e municipais que acordaron nos seus plenos celebrar o Día de Rosalía de Castro:

Concello de Pontevedra.
Concello de Porto do Son.
Concello de Redondela.

Antonio Rey Somoza é o gañador do Premio de Historia Medieval de Galicia do ano 2011

“A edición número once do Premio de Historia Medieval de Galicia foi para a obra A nobreza na poesía lírica Galego-Portuguesa, de Antonio Rey Somoza. O xurado, reunido no Concello de Noia, o dezasete de decembro de dous mil once, cabodano do Mariscal Pardo de Cela, estivo formado D. Henrique Monteagudo como presidente e, como vocais, D. Xerardo Agrafoxo Pérez, D. Clodio González Pérez, D. Pedro García Vidal e D. Marcos Fernández Ferreiro; actuando como secretario, sen voto, Don David González Couso. O Premio é outorgado conxuntamente por Toxosoutos e os concellos de Carnota, Muros, Outes, Lousame, Noia e Porto do Son. A obra explora a información que ofrece o cancioneiro trobadoresco galego-portugués (no seu sector satírico) e as Cantigas de Santa María de Afonso X o Sabio, un corpus textual que corresponde á situación plenomedieval (século XIII) do centro e o occidente da Península ibérica. Un traballo que salienta polo seu carácter interdisciplinar, ao mostrar a utilidade da explotación dos textos literarios como fonte de información histórica, complementaria e nalgúns aspectos (por exemplo, no terreo das mentalidades) superior á obtida das fontes documentais tradicional. Os ideais e actitudes da nobreza son presentados coas mesmas palabras de individuos da época; os valores e o modo de vida nobiliar aparecen vividamente retratados; queda de manifesto a rigorosa estratificación da sociedade medieval -mesmo no interior do propio estamento privilexiado- reflectida na súa simboloxía e na ironía/sarcasmo das cantigas; tamén se recupera información de interese dende o punto de vista da relixiosidade (o culto mariano, a cuestión das milagres, etc); e, por suposto, información referida ao campo da cultura medieval e mesmo á historia do humor e o entretemento. Desde o punto de vista do propio premio, ten outra cualidade: abre as portas aos estudos que combinan a historiografía coa filoloxía, un aspecto previsto desde o comezo, pero ao que raramente se lle deu acollida.” Vía Asociación Galega de Editores.