Desde Praza:
“- Praza (P): A intención de publicar as Obras Completas de Vidal Bolaño chegou moito antes de que a Real Academia Galega decidise que as Letras Galegas 2013 se lle dedicasen o dramaturgo. Como xurdiu a idea?
– Xosé Manuel Fernández Castro (XMFC): Eu teño entendido que xa antes, en 2007, houbera algunha tentativa. Eu comecei a me interesar polo asunto en 2007, cando lin a miña tese de doutoramento sobre Vidal Bolaño. Belén Quintáns, naqueles tempos, tiña un proxecto interesante, facer unha biblioteca Vidal Bolaño en volumes soltos e estaba cunha editorial falando do asunto. Ese proxecto quedou apartado, atascouse e, despois no 2001, digamos que se entrou nunha nova fase cando houbo un acordo entre Macías e Belén. E comezamos a traballar.
– Francisco Macías (FM): Os editores, os editores pequenos, temos que buscar os espazos que deixan libres as grandes editoras. En Galicia, a verdade, deixan case todo libre e non é difícil atopar espazos. Roberto era un deses espazos. Eu lembro que en 2007 viñeran desa editorial, que era Sotelo Blanco, a me pedir permiso para poder editar a obra Rastros. Eu preguntei para que e contáronme que querían facer unhas obras completas. A min interesábame tamén o asunto, tiña a intención, pero facer dúas resultaba imposible. Retireime, pero como iso non foi para adiante, puiden facelo eu. Un día Pepes (XMFC) fíxonos unha celada a Belén e a min (…).
– XMFC: Entón, a partir de novembro de 2011, comezamos a reunirnos e a traballar máis en serio. En principio, ía ser iso, unha biblioteca cunha morea de volumes. Practicamente, un libro por texto, agás algúns que ían ser moi breves e que se podían reunir nun único tomo. Estabamos inicialmente, ademais de Paco e mais eu, Belén e Roi Vidal. Os catro, inicialmente, tiñamos un deseño nese sentido de biblioteca, mais veuse abaixo por mor de que en xuño de 2012 a Real Academia decidiu concederlle as Letras Galegas. (…)
– P: Como se clasificou a obra de Vidal Bolaño nestes seis tomos?
– XMFC: Nas obras completas, temos un sexto tomo que recolle os textos que non son dramáticos. Despois, o quinto reúne textos que non teñen unha autoría plena del, son textos doutros nos que fixo algunha intervención. Os outros catro serían de autoría plena. Como clasificamos eses catro tomos? Nun caso polo tipo de público que teñen, por iso hai un tomo destinado aos textos de rúa infantil, que teñen ese nivel de proximidade. Despois temos un tomo que reúne os textos de teatro do aquí e do agora. Outro que recolle as producións que se dan nun ámbito histórico que son grandes producións. Por último, o tomo que falta reúne por un lado os textos da época Abrente e, polo outro, monólogos e soliloquios, que son fórmulas teatrais concretas. Penso que esta clasificación ten sentido, teñen unha coherencia todos os libros. (…)
– P: Daquela o 17 de maio non dá vertixe?
– FM: Non, ho! Para nada. Ademais, este ano é un fasto moi contraditorio. Creo que ten algo positivo, descóbrese un escritor. O sistema literario galego nunca tivo a Vidal Bolaño como escritor e agora vai ter que admitilo pola forza das súas obras. E, ao mesmo tempo, penso que a Real Academia Galega o ignora. E penso que está bastante incómoda. Neste momento si, hai un mes ou dous, non. (…)”.