Desde Sermos Galiza:
“Ao abrir a plica da XV edición do Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño ía aparecer un nome até o momento non vinculado á escrita literaria. O xurado composto por Marta Dacosta, Verónica Martínez e Miguel Anxo Fernán-Vello ademais da alcaldesa de Sarria, Pilar López, con voz e sen voto e a presidenta da Asociación Ergueitos -convocante- María Casar, en calidade de secretaria, escolleu por unanimidade o poemario de Charo Lopes como gañador dunha nova edición do premio que se fallou esta segunda feira.
“Vinme vivir para o rural e estou a ter unha vida máis saudábel que me permite escribir e ter unha vida mellor. O feito de ser premio con dotación económica tamén é importante xa que, malia ter horta e moitas actividades relacionados co agro, a miña situación é precaria”, explica a gañadora, Charo Lopes, licenciada en Xornalismo e con formación como fotógrafa mais asentada na comarca de Arzúa dedicándose á vida no agro. “Optei por esta vida por non querer emigrar e ter unha profesión que conta con poucas saídas de traballo”, explica ao tempo que considera un “luxo” poder dedicarse á escrita, agora de forma individual xa que, como explica, son moitos os textos nacidos en coautoría e sen sinatura. “Escribín moito desde o anonimato colectivo. Militei moitos anos en Ami mais aquel traballo de escrita non tiña o protagonismo que ten o ambiente literario”, anota. (…)”