O Premio Fiz Vergara Vilariño descobre a poeta Charo Lopes

DesdeCharo Lopes Sermos Galiza:
“Ao abrir a plica da XV edición do Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño ía aparecer un nome até o momento non vinculado á escrita literaria. O xurado composto por Marta Dacosta, Verónica Martínez e Miguel Anxo Fernán-Vello ademais da alcaldesa de Sarria, Pilar López, con voz e sen voto e a presidenta da Asociación Ergueitos -convocante- María Casar, en calidade de secretaria, escolleu por unanimidade o poemario de Charo Lopes como gañador dunha nova edición do premio que se fallou esta segunda feira.
“Vinme vivir para o rural e estou a ter unha vida máis saudábel que me permite escribir e ter unha vida mellor. O feito de ser premio con dotación económica tamén é importante xa que, malia ter horta e moitas actividades relacionados co agro, a miña situación é precaria”, explica a gañadora, Charo Lopes, licenciada en Xornalismo e con formación como fotógrafa mais asentada na comarca de Arzúa dedicándose á vida no agro. “Optei por esta vida por non querer emigrar e ter unha profesión que conta con poucas saídas de traballo”, explica ao tempo que considera un “luxo” poder dedicarse á escrita, agora de forma individual xa que, como explica, son moitos os textos nacidos en coautoría e sen sinatura. “Escribín moito desde o anonimato colectivo. Militei moitos anos en Ami mais aquel traballo de escrita non tiña o protagonismo que ten o ambiente literario”, anota. (…)”

Charo López Sánchez gaña o XV Premio de poesía Fiz Vergara Vilariño

Desdefiz vergara 15 a A. C. Ergueitos:
“En Sarria a 22 de maio de 2015.
Reuniuse o xuri do XV Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño, composto por Marta Dacosta, Verónica Martínez e Miguel Anxo Fernán-Vello, actuando con voz e sen voto como Presidenta a alcaldesa de Sarria, Pilar López Yáñez e como Secretaria a Presidenta de Ergueitos, María Casar.
Por unanimidade acordouse conceder o XV Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño á obra presentada baixo o lema De como acontece a fin do mundo, co seudónimo Morgana de Camelot. O xurado valorou especialmente o discurso e o carácter unitario do libro, que constitúe una “crónica vital”, na que se entrelazan a experiencia existencial e a tensión social, unido isto a unha linguaxe poética de gran efectividade expresiva.
Aberta a plica en acto público ás 18:00 horas a obra presentada baixo o lema De como acontece a fin do mundo resultou ser da autoría de Charo López Sánchez.”