O plenario da Real Academia Galega de onte sábado 23 febreiro elixiu a directiva que gobernará a centenaria institución durante os próximos catro anos. Acompañará ao presidente Xosé Luís Méndez Ferrín un equipo composto por Xosé Luís Axeitos (secretario), Manuel González (tesoureiro), Euloxio Ruibal (bibliotecario) e Paco Fernández Rei (vicesecretario).
Na prensa de hoxe domingo podemos ler máis entrevistas co novo presidente da Real Academia Galega:
Faro de Vigo: “A situación financieira da Academia é un escándalo, vive na beneficencia”
–O conselleiro de Cultura afirma que o problema da cultura é que está acomplexada…
–Por iso está traducido Manolo Rivas a 30 linguas no mundo e Jiménez Losantos non. Cando un escritor galego está traducido en francés por Galimard non se poden dicir esas cousas.
–Que pode facer a Academia para para aumentar o prestixio social do galego?
–A Academia so é un factor. Esa tarefa non lle compete só a mundo intelectual como moitos pensan. Na sociedade hai algo máis que intelectuais, e o galego está asumido hai anos polo sindicalismo, por exemplo. Hai unha toma de conciencia contraria a ese desprestixio, pero isto compételle á totalidade da sociedade.
[Ler entrevista completa]
La Voz de Galicia: “A Real Academia Galega é un tanque de intelixencia”
-Vostede chega coa idade e a experiencia axeitadas para o cargo, e con ganas de traballar por unha Academia, moi limitada de medios, da que nalgún momento foi crítico.
-As críticas non foron nunca sobre a Academia ou a súa existencia, senón puntuais por algunha actuación. Non me estraña que a RAG teña un pasado con moitos altos e con moitos baixos na súa historia centenaria porque nunca tivo independencia económica. Sempre viviu de favores e de beneficencia, en realidade. Se conseguísemos saír desa situación sería magnífico, pero non o sei. Faremos todo o posible por persuadir á Xunta de que sería ben que deixase instituído un orzamento para sempre, á marxe dos cambios políticos.
-Non sei se é o mellor momento para acadalo, e non por estar o PP na Xunta, senón por toda a tensión que se está a crear na sociedade desde dentro e desde fóra.
-Tampouco ten por que ser necesariamente un mal momento. A RAG acaba de revelar na sociedade galega, dun día para outro e cunha contundencia notable, a súa existencia e a súa autoridade cun documento clave para cambiar a cousa. A RAG está nestes días máis presente do que estivo nunca no resto do Estado. O noso punto de vista consiste en pedir que a subvención da RAG figure nos orzamentos da Xunta e acadalo non depende de nós. O bipartito anterior non quixo. Non sei agora.
-Que pode facer a RAG?
-A RAG é un suxeito colectivo formado por individualidades moi fortes. Podía ser máis numerosa, porque Galicia é un país moi culto e nada ensimesmado… pero os académicos que existen son un grupo de intelectuais moi forte. E a evidencia está na análise que fixo das bases. Non hai nin un só colectivo en Galicia que puidese ter feito nada semellante, salvo o de xuristas, que coincidiu coa Academia nas partes que facían referencia ao campo legal.