Entrevista de Irene Pin a Anxo Angueira en Nós Diario:
“(…) O prodixioso: a veciñanza de Manselle, unha pequena aldea do concello de San Xulián de Laíño -á que na época da República xa chamaban a aldea rusa- decide empregar os cartos dunha venda comunitaria para construír un muro de contención que faga practicábel un campo de xogos en terreos comunais, que a concentración parcelaria convertera en vertedoiro de lixos. “E ninguén os mandou nin os acode”, lemos.
“A decisión xa foi extraordinaria”, afirma o autor. “Estaba na asemblea veciñal e tomouse por maioría: imos facer nós un valo, de costas ás Administracións”, narra. Nesta determinación atópase “a revolución, constituíreste ti en nación, en institución, es ti quen te gobernas”. Mais ao saír da reunión, preguntábase como ían facelo. “Estamos tolos”, pensaba. E foi devagar. Os sábados. Todas xuntas.
“Era un soño, pero os soños están tamén para poder realizalos. Vivimos de esperanzas e ilusións”, lembra Angueira. O primeiro traballo foi máis doado, con aqueles azos que xermolaban do devezo no pulo inicial. Pero neses dous anos de obra pública tamén houbo momentos duros. O autor recorda con mágoa as que tiveron que emigrar.
E é que Angueira partilla o universo de Manselle desde a ollada interna, déixanos entrar, e fai protagonistas as mans que constrúen ese monumento, todo un triunfo. E as mans teñen nomes. Ovidio o da Ministra, Alfredo o de Lina, Antonio o de Calo, Marucha a da Olia, Berta a da Romera.
“Eu no poema menciono algunha, pero hai moita máis xente”, afirma, pois o valo non implicaba só as que estaban na obra, senón as que non podían comparecer en corpo: obreiros que tiñan que traballar, nais que debían facer a comida. Non podían ir, pero tamén era delas.
O libro foi para Angueira a posta en palabras dunha experiencia que marcou a súa comunidade labrega. “O valo foi unha ruptura vital e literaria, porque a aldea miña rompeu co código, co concepto que se tiña ou se ten dela coa súa construción”. Tamén, “dalgún modo atopeime como escritor, descubrín un pouco o rumbo”.
Os poemas nacían dunha necesidade, ese deixar constancia do que estaba a acontecer. “Eu fíxenme escritor nalgunha medida polo valo, aínda que xa publicara algo antes. Tiña que escribir isto”, conta con paixón. O poeta chamara a prensa, pero non o vía como algo relevante e el, que albiscaba a xenialidade do acontecemento, desexaba inmortalizar a “grandeza destas pequenas aventuras de aldea”, todo un símbolo do que “aprender unha lección”.
O valo de Manselle case fala máis que escribir, con ese apego á oralidade dun territorio concreto, que foxe da norma para reivindicar, tamén, o popular
Desde esa vontade de dignificación do agro, Angueira n’O valo de Manselle case fala máis que escribir, con ese apego á oralidade dun territorio concreto, que foxe da norma para reivindicar, tamén, o popular. “Fúndase neste poema unha nova ruralidade épico-lírica que nos coloca lonxe da retórica malencónica da perda da aldea e da extinción da Patria”, describe Xosé Luís Méndez Ferrín no limiar.
Consegue así o poeta retratar o arrouto das mans que ergueran no arrolo do común un valo qué moito máis que a estrutura. Porque naceu dunha fórmula de traballo colectivo con reminiscencias de antes, sobre o eco das restebas e as mallas.
Da serie de poemas que inclúe o libro, “O mar e o río do regreso” foi a primeira en ser redactada, aínda que figure no seu feche. “Visto desde agora, a verdade é que están aí os fíos cos que se foi tecendo a miña obra”, comenta Angueira, “comezando pola cita inicial do texto”. Como non, de Rosalía: “Que inchadiña branca vela / antre os millos correo soa…”. Sobre ela constrúe un canto á irmá defunta, que esgaza os ollos que len coa presenza inexpugnábel da morte.
Desfilan polo poemario figuras tan recoñecidas das nosas letras como o mestre Bernardino Graña, que exerceu o seu labor docente en Padrón. Mais hai outra protagonista indiscutíbel, María de Mariño, que desde o anonimato reflicte unha figura que moitas atoparán súa historia propia.
“Era unha persoa real”, apunta Angueira, “levaba unha vida paralela a todos os demais, vivía como noutra pista, noutra dimensión”, intenta explicar. El describiuna xa desde a consciencia de ser case un prototipo cultural -“miña siña Sinforosa”, escribe, en conexión con Castelao, ou coa “muller da herba” de Zeca Afonso. “Toda ela era poesía, nin que fose feita por Martín Sarmiento”, di.
O poema dá conta dun “dos momentos máis senlleiros da miña vida”, confesa Angueira. María deulle liño: “Sementa agora ti / eu vou pra morta”. Aquela encomenda pesaba, porque era “continuar algo que eu non sabería definir moi ben con palabras, non era só a propia semente do liño, había aí moitísimo máis”.
Todo un tempo, unha cultura, unha forma de vida, un respecto pola beleza. Depositaria dun mundo que estaba a esmorecer, ou xa esmorecera. María é a “memoria que ninguén xamais alcanza”, escribe Angueira.
As circunstancias da aldea hoxe son distintas. Manselle, en 25 anos, perdeu moita poboación. “O poema xa remataba con esa percepción algo pesimista na liña global do que vivía a Galiza, a perda de natalidade, nun proceso que vén de lonxe, mais que se pode reconducir”, explica o autor. “Hoxe non hai capacidade na aldea para facer iso, porque non ten ese pulo vital daquel momento”, engade.
Porén, “onde hai un espírito de esforzo colectivo polo ben común, onde hai unha unidade veciñal, aí está o valo de Manselle”. Un valo que é moito máis que un valo, cuxa lembranza se volve, se cadra, aínda máis esencial nestes tempos.
“O risco de desarticulación, condenar ao individualismo o ser humano sempre estivo presente, hoxe por suposto máis que nunca”, opina Angueira, “pero tamén somos capaces de nos rebelar contra iso, de decidir en pequenos grupos mudar as cousas”.
Fronte á atomización, latexa o espírito comunitario do que o valo é símbolo. Aquel lugar onde a utopía existe, aínda que sexa brevemente: “Eles somos nós / a tribo inmemorial que desafía / as obras públicas / […] os conceptos de pobo e soño institucionais”.
Así, ao noso presente chega o eco da música metálica da formigoneira que enchía outrora o val, a banda sonora dun traballo que foi -que é- remanso de esperanza, demostración do que pode o pobo, na unión, “forno onde se coce a resistencia”.”