Desde Nós Diario:
“”O amor é morte antiga”, dicía Xela Arias. “E parecía que levabas contigo toda a tristeza do mundo”, prosegue Emma Pedreira.
Xelarias está ateigado de “conversas” así. Xoga á transgresión, a reconstruír unha vida xa de seu transgresora a partir das pistas deixadas nos poemas de Xela Arias. Mais, sobre todo, é un orixinalísmo diálogo entre dúas poetas que non chegaron a atoparse en vida e que, daquela, aproxímanse a través da escrita.
“Ela marchaba cando eu chegaba á poesía”, recoñece Pedreira. “Nunca coincidimos e, aínda que creo que si houbo algunha oportunidade, eu era tan tímida que a desaproveitei. Mais vinte anos despois, grazas a este libro, puidemos encontrarnos a través da escrita. O interesante dunha poeta son as palabras que deixa escritas e esta conversa atravesa todo o que me tería gustado falar con ela a partir das súas palabras, da obra poética e tamén de entrevistas, de autopoéticas… Non só hai versos neste libro, tamén hai moita Xela oral, moita desa palabra en liberdade da que ela gostaba”.
Reconstruír a vida dunha poeta a través dos seus escritos é, cando menos, atrevido, mais Pedreira aceptou o desafío: “Gústanme os riscos. Suponse que no ano en que se lle dedica o Día das Letras a unha autora van saír moreas de publicacións e biografías que van contar a vida e a obra dunha forma seria, académica e coidada. E eu estaba buscando outra forma de achegarme. Procurei que o libro, ademais de ser unha peza de coñecemento e entretemento, fose un obxecto artístico. Por esa vía buscamos o que ninguén ía facer, sen invadir o espazo de persoas que si a coñeceron ou que estudaron a súa obra dun modo sistemático e que van falar con máis rigor científico que nós”.
En Xelarias está moi presente unha estética da colaxe que evoca os fanzines da época e que se transmite tamén a un texto construído a base de retallos, de citas e respostas, de fragmentos que compoñen un cadro poliédrico, talvez en consonancia coa escrita da propia Arias. “Xela o que facía era colaxe: deconstruía a palabra e a sintaxe e, a maior escala, o discurso. Ela rompía as formas do equilibrio para crear unha nova composición”, subliña Pedreira, “e nós apostamos por seguir esa liña a todos os niveis. Xogamos cos textos, coas imaxes e até convidamos o público lector a que faga o mesmo: hai unha páxina na que se poden recortar fragmentos para logo colar na seguinte. Nese sentido, quixemos ser activas na lectura e seguir o seu método de escrita”.
Esa estética alternativa foi unha constante vital na biografía e na obra de Xela Arias, unha proximidade ao underground que podería perderse se tratamos cun exceso de academicismo a súa figura: “Eu agardo que non”, di Pedreira, “porque a súa imaxe é moi recoñecíbel: chupa de coiro, pelo revolto, mirada desafiante… E, ao mesmo tempo, a súa obra reflectía ese sentir. Creo que é mellor que Xela non entre nas institucións, que sexan as institucións as que saian á rúa para atopala. O seu caso é moi próximo ao de Lois Pereiro, que segue sendo un referente moi potente. Eles estaban dentro do sistema literario, mais nas marxes, porque desde alí existe unha perspectiva diferente. Creo que a recepción que está habendo é consciente da importancia desa estética e desa actitude vital. Paréceme básico que todo iso se nomee, que non se converta a Xela Arias en algo que non era”. (…)”