Entrevista de Mar Álvarez a Adela Figueroa en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Afirma que Mátria é poesía para a Terra. Como nacen os seus poemas?
– Adela Figueroa (AF): Eu tiña un desabafo, unha inquedanza moi potente ao ver como desfán a nosa terra. O Goberno que temos na Xunta traballa en contra do país. A raíz do sucedido coa mina de Touro, e agora coas agresións dos eólicos, recompilei varias poesías e decidín xuntalas nun libro que titulei Mátria. O poemario divídese en tres partes. Unha delas, “Coma inducido”, recolle os recordos das persoas que estiveron en coma a partir dos cales escribín unha serie de poemas que son como delirios de cores e de sensacións. A segunda parte leva o nome de “Entre o soño e a distopía” e a terceira “Entre o soño e o delirio”, na que relaciono a mente humana coa propia terra. Eu non teño relixión, pero se a tivese sería o universo e a terra, sería a natureza da que todos formamos parte.
– ND: A presenza da natureza na poesía galega foi sempre un elemento característico das nosas letras. Forma parte a súa obra dese lirismo da paisaxe?
– AF: Si. Nun dos meus traballos, Rosalia poeta Ambientalista, afondo en como desde as cantigas medievais a natureza nos domina; porque a natureza galega é poderosa, produtiva e fecunda. A nosa gran poeta, primeira e abandeirada, foi tamén a primeira ecoloxista que defendeu a identidade da terra.
– ND: Con este poemario entrelaza o seu labor como bióloga e como poeta.
– AF: Se ollamos cara ao ceo vemos a danza das estrelas, vemos todo o ritmo e a música do universo e podemos sentir que somos parte del. As persoas estamos feitas de carbono, osíxeno, nitróxeno… e a iso agréganselles outros elementos químicos que forman a marabilla que resulta a mente humana, capaz de percibir a beleza e o equilibro. Gustaríame publicar un libro composto por tres contos nos que falo da maxia dos números. Quero afondar nesa maxia das inflorescencias das plantas que seguen un ritmo, unha lei matemática, como as volutas do caracol ou os movementos dos astros. Un tema que tamén me está a interesar especialmente é o do ecofeminismo, o paradigma que debería rexer os anos que nos veñen enriba. (…)”