Artigo de Manuel Xestoso en Nós Diario:
“A Lei do Libro e a Lectura, aprobada no ano 2006, recoñécelle ao sector editorial a categoría de “estratéxico para a Galiza”. Porén, as actuacións da Xunta de Galiza non acaban de cadrar con esa tipificación. O sector do libro mantén reivindicacións históricas que seguen sen ser atendidas: plan de apoio á rede de librarías, implicación real da Consellería de Industria cun orzamento específico, creación do innúmeras veces demandado Instituto Rosalía de Castro de promoción da cultura, apoio dos medios de comunicación públicos… son algunhas das reivindicacións que non obteñen unha resposta concluínte.
Mais tampouco no día a día a acción do goberno parece estar á altura das necesidades das editoriais galegas. O pasado 18 de xaneiro publicábase no DOG a orde pola que se estabelecen as bases reguladoras para a concesión das axudas para as editoras galegas, e o sector xa rexistrou un escrito protestando polos cambios que se deron a respecto das bases do ano pasado.
“Existen varias cuestión técnicas que transforman estas axudas nun obstáculo máis que nun aliciente para a edición”, destaca Henrique Alvarellos, presidente da Asociación Galega de Editores (AGE). “Non se axustan ás necesidades do sector e carecen da flexibilidade necesaria para conveterse nun motor da actividade editorial galega”.
Un exemplo desa falta de flexibilidade está presente no que as editoras consideran un dos principais puntos débiles da convocatoria deste ano. As axudas cobren os gastos de edición, distribución e comercialización entre o 1 de novembro de 2023 e o 30 de setembro de 2024. “Iso quere dicir que todos os gastos do proceso de edición dun título determinado teñen que facturarse neses once meses”, explica Alvarellos.
“Pero un proceso desta natureza pode levar máis tempo. Desde que se asina o contrato de publicación co autor até que o libro sae do prelo pode pasar un período de tempo máis delongado e iso significa que algúns proxectos quedarán fóra, que non poderán acceder a estas axudas. E hai que dicir que isto supón un novo retroceso despois de que as editoras conseguísemos que ese período de produción do libro fose de 22 meses na convocatoria de 2023”.
“Por outro lado, a orde pretende que se cuantifiquen os gastos por adiantado, sen ter en conta, por exemplo, as fluctuacións dos prezos do papel”, continúa Alvarellos. “De aquí a setembro, o papel pode subir un 10 por cento, pero as axudas que se concedan finalmente non terán en conta ese incremento porque o cálculo está feito sobre o prezo do papel no momento en que se presenta a solicitude”. “Desde a Xunta comunícasenos que se trata dun problema administrativo, que non se poden solapar dous exercicios”, engade o presidente da AGE, “pero o certo é que hai convocatorias doutras comunidades ou do propio Ministerio que si manexan tempos amplios nas súas bases. Cremos que se trata dunha cuestión de vontade política que as axudas atinxan dous exercicios para facilitar o traballo das empresas”. (…)”