A Concellaría de Cultura e Deportes do Concello de Fene, que organiza este ano a XXX edición do Premio de Novela Longa Blanco Amor, promove, en colaboración coa Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, un ciclo de faladoiros con algúns dos gañadores/as de anteriores edicións. Na escolma de autores/as procurouse garantir a presenza daqueles escritores que gañaron nas edicións do Premio organizadas por concellos da comarca.
Nestes faladoiros, sempre ás 19:00 h. e na Casa da Cultura do Concello de Fene, tanto o condutor/a como o público participante dialogarán co/coa autor/a gañador/a do Premio Blanco Amor sobre a obra do autor/a e nomeadamente da obra coa que gañou o Premio.
O primeiro destes faladoiros, conducido por Mercedes Queixas, terá lugar o vindeiro xoves, 20 de setembro ás 19:00 h. na Casa da Cultura de Fene e contará coa participación de Víctor F. Freixanes, gañador do Blanco Amor organizado polo concello de Mugardos en 1982, coa novela O triángulo inscrito na circunferencia.
Fene: ciclo de faladoiros cos gañadores/as do Premio Blanco Amor de Narrativa
O ciclo, que se desenvolverá entre o 20 de setembro e o 22 de novembro, desenvolverase consonte o seguinte calendario:
• Xoves, 20 de setembro, tertulia con Víctor F. Freixanes, conducida por Mercedes Queixas.
• Xoves, 4 de outubro, tertulia con Xesús Rábade Paredes, conducida por Verónica Martínez Delgado. Anulada, pendente de reprogramación.
• Xoves, 11 de outubro, tertulia con Xavier Alcalá, conducida por Alfredo Ferreiro.
• Xoves, 25 de outubro, tertulia con Valentín Carrera, conducida por Tati Mancebo.
• Xoves, 8 de novembro, tertulia con Francisco Castro, conducida por Carlos Negro.
• Xoves, 22 de novembro, tertulia con Inma López Silva, conducida por Mercedes Queixas.
Vexa aquí a listaxe completa de obras gañadoras do Blanco Amor. O conxunto dos concellos organizadores foi merecente en 2010 da Homenaxe Os Bos e Xenerosos, promovida pola AELG.