A Concellaría de Cultura e Deportes do Concello de Fene, que organiza este ano a XXX edición do Premio de Novela Longa Blanco Amor, promove, en colaboración coa Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, un ciclo de faladoiros con algúns dos gañadores/as de anteriores edicións. Na escolma de autores/as procurouse garantir a presenza daqueles escritores que gañaron nas edicións do Premio organizadas por concellos da comarca.
Nestes faladoiros, sempre ás 19:00 h. e na Casa da Cultura do Concello de Fene, tanto o condutor/a como o público participante dialogarán co/coa autor/a gañador/a do Premio Blanco Amor sobre a obra do autor/a e nomeadamente da obra coa que gañou o Premio.
O primeiro destes faladoiros, conducido por Mercedes Queixas, terá lugar o vindeiro xoves, 20 de setembro ás 19:00 h. na Casa da Cultura de Fene e contará coa participación de Víctor F. Freixanes, gañador do Blanco Amor organizado polo concello de Mugardos en 1982, coa novela O triángulo inscrito na circunferencia.