A Fundación Uxío Novoneyra organiza un festival literario no Courel

DesdeFestival dos Eidos Fervenzas Literarias:
“A Fundación Uxío Novoneyra organiza do venres 14 de agosto ao domingo 16 de agosto o Festival dos Eidos, que terá lugar na aldea de Parada do Courel, onde está localizada a casa que foi morada do poeta Uxío Novoneyra. Serán tres días de lecturas poéticas, concertos, roteiros e cinema para celebrar a primeira edición deste festival literario, un tributo á terra que inspirou ao autor de Os Eidos. Haberá tamén obradoiros e conferencias sobre o mundo da edición e da literatura.
O Festival dos Eidos forma parte do proxecto europeo LitFest; unha iniciativa comprometida co ensino permanente (para toda a vida e para todo o mundo) a través da literatura. Un proxecto no que tamén están integrados a Fondazione Alfonso Gatto (Salerno, Italia), o festival de poesía St. Clementin Litfest (St. Clementin, Francia) e a ONG Catching Lives! (Canterbury, Reino Unido). A proposta está desenvolvida co apoio da Comisión Europea a través do Programa ERASMUS + e fai fincapé na dimensión educativa destes festivais, motivo polo que no programa a Fundación Uxío Novoneyra aposta pola formación práctica vinculada á literatura.
O Festival dos Eidos principiará o venres ás 17.00 h. cun encontro na Casa da Fonte, en Parada do Courel, casa vividoira de Uxío Novoneyra e sede da fundación que leva o seu nome. Será unha xornada de portas abertas e visita guiada. De seguido (19:00 h.) o escritor Xose Lois García pronunciará a conferencia A literatura galega no espazo da Lusofonía. Unha cea convivio na Ferreiría de Seoane e un concerto a cargo de Uxía Senlle pecharán esta primeira xornada.
A segunda xornada do Festival chega repleto de actividades, como un obradoiro de Crowdfunding para proxectos literarios, a proxección do filme A esmorga (ás 15:00 h.), diálogos poéticos (ás 18:30 h.) ou un recital de Carlos Oroza. Isto e moito máis para unha xornada que rematará co concerto de Wöyza.
O Festival dos Eidos finalizará o domingo, onde as e os asistentes poderán participar, a partires das 10.00 h., no roteiro Bico do Brelo de avistamento de paxaros seguindo os versos de Os Eidos de Novoneyra.”