Desde Nós Diario:
“A Assembleia Geral da Academia Angolana de Letras (AAL) acordou por unanimidade nomear Xosé Lois García como novo membro correspondente desta institución.
A comunicación do nomeamento está asinada por Artur Pestana, Pepetela, presidente da AAL e un recoñecido e aclamado escritor universal en lingua portuguesa.
Xosé Lois García (Merlán, Chantada, 1945) é especialista da literatura de expresión portuguesa en África (a este continente viaxou en numerosas ocasións) e autor de antoloxías poéticas de Mozambique, Angola, Guiné-Bissau, Macau e o Brasil. Tamén é antólogo e tradutor. A súa obra está composta por mais de cincuenta libros publicados sobre diversas temáticas en galego, portugués e catalán.
Nunha opinión publicada en Nós Diario, García afirmaba que “os galegos en xeral descoñecemos bastante cada un dos contextos culturais e artísticos lusófonos, cuxo vehículo de comunicación é a lingua orixinal galaico-portuguesa”.
Neste sentido, afirmaba que “a Lusofonía conforma a estabilidade dun bloque lingüístico que para nós, os galegos, debemos ter conciencia e amparo do mesmo, onde a nosa fala está presente e, non sempre temos o atino de preservala dentro do contexto que nos confina como promotores da mesma”.”