Varias institucións preparan un simposio sobre as Irmandades para novembro

Desde2016012619291123914 Sermos Galiza:
“Neste ano do centenario da fundación das Irmandades da Fala estanse a preparar múltiples actividades para lembrar o nacemento desta primeira organización do nacionalismo galego. Este congreso, que se suma aos anunciados polo Consello da Cultura Galega, pretende “fornecer un marco de análise da súa significación na evolución do pensamento, das ciencias, da literatura e das artes de Galiza, así como a súa incidencia na dinámica política dun período en que as tensións nacionais e a conflitividade sociopolítica adquiren unha especial relevancia no seo do Estado español”.
O simposio, que terá lugar no auditorio do Museo do Pobo Galego do 17 ao 19 de novembro, está aberto a comunicacións por parte de investigadores, que serán avaliadas polo Comité Científico. O programa, que aínda está pendente de concreción en canto a nomes, incluirá os seguintes temas: ideoloxías e programas; organización e acción política; lingua, literatura e medios de comunicación; economía e sociedade; a cuestión de xénero; ciencias; artes plásticas e música; relacións exteriores; e análise comparativa.
As entidades organizadoras son: o Museo do Pobo Galego, o departamento de Galego-Portugués da Universidade da Coruña, a revista Murguía, a Federación de entidades culturais Galiza Cultura e as fundacións Castelao, Alexandre Bóveda, Antonio Fraguas, Losada Diéguez, Isla Couto, Galiza Sempre, Moncho Reboiras, Penzol e Vicente Risco.
Na Comisión Organizadora están Justo Beramendi, Uxío Breogán Diéguez, Carme Fernández Pérez-Sanjulián, Pilar García Negro e Xosé Manuel González Reboredo.
Ano das Irmandades
As Irmandades absorberán gran parte do esforzo cultural deste ano, cunha grande exposición promovida pola Deputación da Coruña, en colaboración con outras institucións, e comisariada por Pepe Barro que será inaugurada arredor do 18 de maio, data da creación da primeira Irmandade da Coruña.
A Deputación da Coruña está a implicarse a fondo nesta conmemoración, traballando en producións propias e tamén abrindo liñas de apoio a iniciativas doutros colectivos. Outras institucións que promoverán eventos son a Real Academia, o Museo do Pobo e o Consello da Cultura, que realizará desde 2016 a 2018, un álbum web, dúas exposicións e tres congresos, o primeiro dos cales terá lugar este mesmo ano, e que sitúa este movemento no contexto internacional.”