Compostela: Escola de Escritoræs: Obradoiro de dramaturxia a cargo de Roi Vidal. “Disme o corpo. Douche a voz”

Disme o corpo. Douche a voz. Miradoiro de palabras en acción

Obannerobradoirodramaturxia-roividal-compostela teatro non é para ler nin para mirar.
O teatro non é a arte da palabra nin a do movemento.
Non é a arte dos risos nin a dos prantos.
Non é a arte do foro político nin a do bufón.
Non é colectivo nin individual.
Non é verdade nin mentira.

O teatro é todas estas cousas. E moito máis.

Un territorio
onde os extremos se xuntan,
onde as diferenzas se encontran,
onde os contrarios se unen,
onde todo é posible.

A Escola de Escritores-as da AELG, co patrocinio e colaboración do Concello de Santiago e do Centro Sociocultural Aurelio Aguirre (Conxo) e o apoio da Deputación Provincial da Coruña. propón un novo Obradoiro de creación literaria, nesta ocasión enfocado ao xénero teatral, impartido por Roi Vidal e con Clara Gayo como autora convidada a impartir unha sesión maxistral. Terá lugar no Centro Sociocultural Aurelio Aguirre (Conxo).

Comezará o 15 de outubro e desenvolverase ao longo de 10 sesións de dúas horas cada unha, os sábados de 11:00 a 13:00 h.

A inscrición, gratuíta, farase a partir do 15 de setembro no Centro Sociocultural Aurelio Aguirre (Conxo), ou no 981 528 740.

As 25 prazas, para maiores de 16 anos, adxudicaranse por orde de solicitude.

*

Este miradoiro de palabras en acción parte da base de que a falta de coñecemento profundo do teatro é común na sociedade actual e de que o único indispensable para saber escribir teatro é saber ler/ver teatro. Houbo un tempo, ou algúns tempos, no que o teatro estaba de moda. Na Grecia clásica ou nos anos setenta do xéculo XX. Hoxe a intelectualidade prefire os roteiros da música indie, as series televisivas e o cinema. E o teatro, case sempre usado de maneira errónea como sinónimo de falsidade, fica para criticar políticos e futbolistas.

Neste obradoiro de escrita dramática traballaremos lecturas de textos e faremos unha introdución ás principais regras da dramaturxia para, a partir de aí, as participantes iren desenvolvendo unha escrita persoal mediante a práctica de estratexias de creatividade literaria orientadas á elaboración de textos dramáticos.

Obxectivos
– Comprender o que o teatro ten de característico respecto ás outras artes.
– Familiarizarse coas convencións do xénero dramático e as da súa traslación escrita.
– Adestrar a escrita individual e colectiva mediante o uso de estratexias creativas.
– Obter unha visión xeral da evolución da literatura dramática a través da historia.
– Familiarizarse cos grandes temas e mitos do teatro universal.
– Saber analizar un texto teatral para valorar a calidade do mesmo.
– Comprender o significado da dobre dimensión da escrita dramática, como literatura e como guión escénico.
– Aprender a crear diálogos, personaxes, argumentos, espazos e textos teatrais, tanto de maneira autónoma como integrada.

As primeiras sesións serán de introdución a aspectos teóricos a partir dunha metodoloxía participativa, e as últimas estarán máis orientadas ao proxecto dramatúrxico de cada participante, de xeito que ao final teñan un texto de tamaño medio rematado e listo para representar. Se posíbel, a derradeira sesión consistirá nunha lectura dramatizada aberta ao público.

obradoirodramaturxia-roividal-composteladefA Escola de Escritoras e Escritores da AELG centra os seus esforzos en impartir, por concellos de todo o país, obradoiros con formatos e destinatarios diversos, nos que se abordan diferentes xéneros literarios e contidos. Trátase dunha iniciativa que, cos autores/as como guías, ten o obxectivo de transmitir a experiencia apaixonante do acto creador, tentando concienciar á sociedade do imprescindíbel que é a estimulación creativa na escrita e o seu papel complementario na formación do individuo. O proxecto aposta por ofrecer á mocidade un sistema lingüístico, literario e cultural propio no que asentar as súas raíces.