Entrevista a Isaac Xubín e Ruper Ordorika en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): Como naceu este proxecto? De onde partiu a idea que deu lugar a esta mini-xira tans ingular por Galiza?
– Isaac Xubín (IX): Tempo de Exilio, a tradución ao galego de poemas de Joseba Sarrionaindia, recibiu o premio Etxepare, que na súa dotación económica destina unha parte a promocionar e axudar a difundir a obra premiada. É de aí de onde saen estes recitais con Ruper por Galiza.
– SG: Mais xa tiñades colaborado…
– IX: Isaac: A única experiencia que tiñamos antes foi no festival Literaturia, en Zarautz, onde coincidimos os dous, e como xa sabiamos que habería algo disto partillamos escenario nunha canción de Ruper con letra de Sasrrionaindia, ‘Martin Larralde’, que eu receitei en galego. Saiu ben e xa se activou isto. (…)
– SG: Como vedes a relación entre dúas culturas como a galega e vasca? De habela, claro. Haina? Considerades que houbo un achegamento? Viven de costas unha a outra?
– IX: Eu, persoalmente, creo que hai moito coñecemento superficial mais pouco coñecemento profundo. A proba é que eu non tería que ter sido, por idade, o tradutor de Joseba Sarrionaindia, tería que ser alguén da súa xeración. Que tardase tanto en se traducir ao galego a obra dun gran escritor tan próximo xeograficamente é proba non necesariamente de desinterese mais si de descoñecemento.
– Ruper Ordorika (RO): Eu teño unha visión un pouco diferente. De rapaces, no grupo Pott [del facían parte Bernardo Atxaga, Joxe Mari Iturralde, Sarrionaindia e Ruper Ordorika, entre outros] seguiamos bastante de cerca o que se facía en Galiza. Eu coñezo máis daquela época que do que se fai agora: Celso Emilio Ferreiro, Méndez Ferrín, Uxío Novoneyra… Mais tamén entramos nun tunel de afastamento, desde a miña experiencia, repito. Hai que ter conta que Gabriel Aresti xa traduciu hai décadas cousas do galego. Temos traducido a Castelao ao euskera hai moitos anos, o que era importante para nós. Curiosamente agora, que hai moita máis información a man parece que está todo como máis lonxe. Pero, insisto, é na miña opinión. E isto que digo para a literatura tamén o podo dicir para a música. Eu coñecía naquela época aos cantantes galegos e agora coñezo moito menos.
– IX: Ligando co que falabamos do pouco coñecemento profundo, todo o mundo coñece ‘Sarri, Sarri‘ mais moi poucos saben de que vai (rí). É como unha metáfora: coñecemos a canción, si, vale, chegounos aquí, mais non temos nin idea de que vai. Mais si, si que é certo que culturalmente houbo ese diálogo ao que se refería Ruper. (…)”