“Os Rábade-Villar: Catro artistas sentados á mesa”

Artigo de Santiago Jaureguízar en El Progreso (foto: EP):
Xesús Rábade Paredes (Cospeito, 1949) percibiu o poder da arte dende moi novo. Sendo un rapaz a mediados dos anos 60, o medio cento de veciños de Seixas descubriron que tiña tres cualidades notables na altura (oído, voz e memoria musical) e empezaron a contratalo para as foliadas. Xesús memorizaba os temas de Antonio Machín e os boleiros que soaban fugazmente na radio nos bailes de inverno para reproducilos a capela para que a xente bailase nas festas. A cambio, había bebidas gratis e a reputación de heroe local. “Fun moi precoz coas rapazas”, deixa caer o escritor con picardía.
Esa aura non tivo efecto en Helena Villar Janeiro (Becerreá, 1940), que estivera a un paso de ser cantante profesional de música culta e proviña dunha familia abundante en músicos semiprofesionais e requeridos na contorna de Becerreá.
Os seus fillos viviron a creatividade incesante da súa casa como un ambiente natural. Foi a comparación cos seus compañeiros de escola o que lles fixo ver que a normalidade era outra. Tanto a poetisa María do Cebreiro Rábade Villar (Santiago, 1976) como o pianista de jazz Abe Rábade Villar (Santiago, 1977) medraron entre partituras e primeiras edicións de libros.
María do Cebreiro padeceu ese contraste porque é “pudorosa”, unha característica que convive nela cunha concepción da escrita sincera. “Cando escribo vou en carne viva”, apunta; unha fereza que trata de compatibilizar cun afán de cercar o seu espazo familiar, porque “hai que protexer ese espazo”.
“Non tiven que ir buscar a vida literaria”, confesa, máis ben quixo “fuxir, pero foi imposible”. Ao cabo, logrou asumir que carecía de alternativa. “Levoume tempo reencontrarme coa miña orixe”, pero fíxoo con “amor e gratitude” por todo “o cariño e a xenerosidade” que recibira por parte dos seus pais.
A tamén doutora en Teoría da Literatura e profesora na USC subliña que “a independencia foi importante”. “Cando era nova irritábame, agora non pasa nada”, recoñece. Non quería “que se pensase que me apoderaba do capital dos meus pais. Non usar o apelido debeuse a iso”. (…)”