Raúl Zurita inaugura a Residencia Literaria 1863

Raúl Zurita foi torturado pola dictadura de Pinochet e, convertido nunha das máis importantes voces poéticas contemporáneas, ofrecerá o mércores 27 de febreiro, ás 18:00 horas, un recital aberto dende o balcón da Residencia.
Respondendo ao soño da súa impulsora e fundadora Yolanda Castaño, o primeiro residente do espazo de acollida creativa de Rego de Auga será este Premio Nacional de Chile e Premio Iberoamericano Pablo Neruda que chegou a escribir versos no ceo de Nova York ou no Deserto de Atacama.
Xa se encontra na Coruña unha das voces imprescindibles das letras iberoamericanas e mundiais, o poeta chileno Raúl Zurita (1950), para profundar na súa influínte e recoñecida escrita de creación mirando á dársena dende os balcóns da Residencia Literaria 1863.
O primeiro residente inaugura así este espazo dedicado ao fomento e a expansión da literatura dende Galicia, inspirándose nas pedras da pescaría ou no legado histórico do corazón da cidade para alimentar novas páxinas da súa brillante poética.
Pero non só iso, pois a Residencia Literaria 1863 procura deixar a pegada dos seus residentes entre a cidadanía. Así, ás seis da tarde de mañá mércores, o proxecto de Yolanda Castaño abriráse á rúa ao mesmo tempo que se abran os balcóns do primeiro piso do número 46 de Rego de Auga. Dende eles e para todos os lectores e lectoras, curiosos e paseantes a pé de pavimento, recitará os seus poemas este Premio Iberoamericano Pablo Neruda que chegara a realizar accións poético-performáticas tan impactantes como queimar a súa meixela esquerda, escribir versos no ceo neoiorquino, nos cantís chilenos ou no deserto de Atacama.
Será o acontecemento de ver e escoitar esta figura das letras mundiais tan cargada de rexo compromiso coa palabra e a memoria histórica. Dun xeito tan público, conmovedor e integrado na cidade se desenvolverá unha ocasión histórica coma esta.