A AELG realiza unha ofrenda floral a Rosalía como acto institucional para recibir unha delegación de alumnado da Universidade Estadual do Ceará (Brasil)

O 17 de outubro a AELG realizou unha homenaxe floral a Rosalía de Castro no Panteón de Galegos Ilustres, coa participación do seu presidente, Cesáreo Sánchez Iglesias, no marco das relacións coa Universidade Estadual do Ceará (Brasil) e o Centro de Estudos Turísticos da Universidade de Santiago de Compostela. Para a AELG, esta ofrenda floral á nosa poeta nacional é o máis relevante acto institucional que unha cultura pode ofrecer a outra cultura irmá.
Un grupo de alumnado da institución brasileira visitou Compostela entre o 14 e o 18 de outubro tivo lugar o un curso de Planificación turística comparada e experiencias internacionais en materia de turismo, no que A elección de Galicia como destino do curso baseouse na proximidade lingüística entre galego e portugués, tal e como indicou Jakson Renner Rodrigues Soares, investigador na USC e director do curso, ofertado polo Centro de Estudos Propios da USC (CEP).
A Universidade Estadual do Ceará é a universidade pública máis destacada do Nordeste brasileiro e conta con 24.000 alumnas e alumnos. Está situada en Fortaleza, na capital do estado, que destaca polo potencial do seu turismo litoral. Millóns de persoas acoden todos os anos ás praias e paraxes de Ceará, así como aos festivais e outros eventos que teñen lugar na rexión. No marco da colaboración coa USC, a UECE acolleu en maio deste ano a Semana das Letras Galegas, que contou coa presenza de Uxía Senlle e Cesáreo Sánchez Iglesias.