Iniciados os traballos de restablecemento do lectorado de lingua galega na Universidade Estadual do Ceará (Brasil)

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, representada polo seu presidente, Cesáreo Sánchez Iglesias, e máis o profesor da Universidade de Santiago de Compostela, Jakson Renner Rodrigues Soares, que participou en representación da Universidade Estadual do Ceará (Brasil), mantiveron o luns 11 de novembro unha reunión co Secretario Xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez. Nesta reunión acordouse iniciar os traballos para o restablecemento do lectorado de lingua galega no Centro de Estudos Galegos da Universidade brasileira.

A Universidade Estadual do Ceará é a universidade pública máis destacada do Nordeste brasileiro e conta con 24.000 alumnas e alumnos. Está situada en Fortaleza, na capital do estado, que destaca polo potencial cultural do seu turismo litoral. Millóns de persoas acoden todos os anos ás praias e paraxes de Ceará, así como aos festivais e outros eventos que teñen lugar na rexión. No marco dunha colaboración coa USC, a UECE acolleu en maio deste ano a Semana das Letras Galegas, que contou coa presenza de Uxía Senlle e Cesáreo Sánchez Iglesias. En outubro deste mesmo 2019, unha representación de alumnado desa Universidade e a AELG realizaron unha ofrenda floral conxunta no Panteón de Galegos Ilustres a Rosalía de Castro.