O tránsito da literatura galega cara ao inglés

Entrevista de Daniel Salgado a Jonathan Dunne en Nós Diario (foto: cedida):
“As cifras resultan elocuentes. Cando a editorial Small Stations comezou a traducir literatura galega ao inglés, en 2009, só había 29 libros galegos nesa lingua. Once anos despois, son 105. Corenta e seis deles viron luz en Small Stations, a editorial con sede en Sofía (Bulgaria) que dirixen Jonathan Dunne e Tsvetanka Elenkova. Os seus títulos están dispoñíbeis, explican, “a través de 39.000 librarías a un prezo razoábel” e cobren o arco temporal que vai, por caso, de Rosalía de Castro a Teresa Moure e pasa por Celso Emilio Ferreiro, Lois Pereiro ou Anxos Sumai.
Dunne estudou filoloxía clásica na Universidade de Oxford. “Quería modernizar o meu coñecemento aprendendo algunha lingua románica”, relata a Nós Diario vía correo electrónico, “e acabei en Lugo. Atraíame a súa muralla romana e o verde da paisaxe”. Non foi alí onde aprendeu galego, pero si algunhas das súas singularidades gramaticais: xa en Barcelona discutiu duramente cunha profesora de castelán sobre a existencia ou non do pretérito perfecto. “Nunca o escoitara durante un ano de estancia en Lugo”, di. Decidiu coñecer as razóns profundas daquela distorsión: anotouse en clases de galego co escritor Camilo Valdeorras. Así descubriu ademais todo un continente, o da literatura galega.
“Creo na tradución como metáfora da vida. As cousas pasan a través de nós, non somos os seus autores”, responde á pregunta de por que dedicar tantos esforzos ao labor, “e creo que é moi importante a comprensión e a apreciación entre culturas. Sempre quixen situarme nese punto”. Como proba do atinado das súas teses, a recepción especialmente cálida de dous volumes de Small Stations: New Leaves (Follas Novas, 2016) e Galician Songs (Cantares Galegos, 2013) de Rosalía de Castro en versión da poeta canadiana Erín Moure.
“A edición en inglés de Cantares Galegos tardou 150 anos en aparecer!”, afirma Dunne, “e as de Moure foron as primeiras edicións completas en inglés de poemarios galegos da autora” (…)”