Xosé Ballesteros: “A industria editorial xa deixou de facturar uns catro millóns pola crise da COVID-19”

Entrevista de Manuel Xestoso a Xosé Ballesteros en Nós Diario:
“(…) Xosé Ballesteros é presidente da Asociación Galega de Editoras (AGE), que xunto á Federación de Librarías de Galicia (FLG) e a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) trasladáronlle á Consellaría de Cultura da Xunta un paquete de medidas esenciais para incentivar a demanda do libro galego. O prognóstico para o libro galego é de extrema gravidade polos efectos económicos da pandemia.
– Nós Diario (ND): Antes de nada, como valora a resposta que están dando o Ministerio e a Xunta ante a crise da industria cultural?
– Xosé Ballesteros (XB): A recente intervención do ministro de Cultura foi pouco afortunada. Estamos nunha situación na que os problemas son transversais e que hai que ir enfrontando por fases, pero ademais de atender a cuestión sanitaria –que é a prioritaria e que imaxino que estará consumindo moitísimos recursos e moita atención– hai que preparar o terreo para o que virá. E todas as administracións teñen que ser sensíbeis, cada unha na responsabilidade que lle toque.
A nivel de Estado, o gremio de editores, as librarías, os distribuidores… estamos traballando en interlocución directa coa Dirección Xeral do Libro e hai unha boa relación, co deseño dunha serie de medidas para cando se levante o estado de alarma, que son as mesmas que lle propuxemos á Xunta de Galiza.
Canto á Xunta, parece que hai boa disposición para ir afinando prazos para as medidas que estamos reclamando: un bono de lectura, unha liña de apoio á edición –que de momento non existe e da que si gozan en Catalunya e Euskadi–, unha liña de axudas para a adquisición de libros por parte das bibliotecas… Estamos nun mercado moi competitivo e se outras comunidades gozan destas axudas, o libro galego parte con desvantaxe. Nesta reunión, insistimos moito en reforzar moito o apoio ás librerías –cremos que ten que ser a través delas por onde se movan os libros– e ás bibliotecas, garantindo que teñan acceso ás novidades galegas no prazo máis curto posíbel.
– ND: Todo o que se move arredor do libro é a principal industria cultural de Galiza e, nunha primeira avaliación, vostedes falaron dunhas perdas causadas pola crise da COVID-19 dun 30% como mínimo.
– XB: A día de hoxe xa sabemos o que deixamos de facturar entre marzo e o que vai de abril: como mínimo van perdidos catro millóns de euros. Hai que ter en conta que a facturación total do libro galego é duns 25 millóns de euros anuais e que esta é unha época, tradicionalmente, de moitas vendas: xúntanse o Día do Libro, o Día das Letras… Pero o verdadeiro problema é o que vai vir: a demanda nos primeiros meses despois desta parada vai ser mínima e, sendo realistas, até que chegue o outono e a campaña de Nadal, imos vivir nunha situación desoladora.
– ND: Partimos da situación de febleza que deixou a crise de 2008. Moitos dos traballos relacionados coa edición foron daquela externalizados: corrección, maquetación, deseño… son labores que agora desenvolven, na súa maior parte, persoas autónomas. Fixeron algunha avaliación de en que medida vai afectar a crise a estas traballadoras?
– XB: Eu aquí faría fincapé na tipoloxía das empresas que conforman o tecido editorial. Formamos un ecosistema pequeno –son unhas corenta as editoras asociadas a AGE– pero no seu interior hai, atendendo ao número de traballadoras, entre cinco e oito que se poden chamar “grandes” –Kalandraka, Xerais, Galaxia…–, algunhas que poderían ser cualificadas de medianas –como Hércules ou Baía– e, a partir de aí, empresas moi pequenas ou microempresas, que en ocasións se sosteñen porque os seus propietarios teñen outros traballos que lles permiten sobrevivir, moitas veces realizando servizos editoriais para empresas máis grandes.
Agora mesmo creo que aínda non sufrimos o impacto porque, máis ou menos, todos estaban realizando encargos anteriores ao estoupido da crise. O impacto vai vir despois. Todas as editoras estamos atrasando ao máximo o noso plan editorial e moitos dos libros previstos para os meses vindeiros van quedar para o ano próximo; a carga de traballo, loxicamente, vai resentirse e todos eses servizos editoriais –maquetacións, corrección…– van ter menos demanda. (…)”