Homenaxe O Escritor na súa Terra a Vítor Vaqueiro: discurso de Cesáreo Sánchez, presidente da AELG

O discurso pode ser descargado aquí, ou ben ser lido a continuación:

“Amigas e amigos,
Señora Concelleira de Acción Cultural, membros da Corporación Municipal, Sras. Deputadas no Parlamento galego, Sr. Presidente da Real Academia Galega, Sra. Presidenta do Consello da Cultura Galega, autoridades e representantes das institucións culturais sociais e políticas, querido Vítor Vaqueiro,
Convocámonos a este acto de chantar a pedra do escritor e a árbore, así como facer tamén a entrega da Letra E, como celebración dunha vida de escrita literaria, que é a escrita da vida dun poeta, dun escritor, que nos conmoveu e nos ten aberto a porta ao sentir e ao coñecemento, así como tamén á conciencia dunha cultura propia e dunha terra capaz de determinar o seu destino.
Ano tras ano, da mao da AELG, vinte e sete autoras e autores xa están a tecer ao longo do país un mundo de signos, de pedras fitas que entrelazan pensamentos, poemas e soños para crear o novo mapa dunha terra ocultada que alenta na palabra que chanta a súa raíz nos doridos eidos da esperanza. Neste recanto, é tradición en Compostela ter fermosísimos recantos, o poeta Vítor Vaqueiro, dános un fragmento de poema como unha nova páxina neste libro colectivo único e irrepetíbel que ano tras ano escribimos sobre a delicada e fértil pel da nosa terra.
O noso poeta teceu na pedra núas caligrafías da alma para que o lugar habitado por un poema sexa centro dun universo con luz propia capaz de guiar os ciclos da vida dos días. A vida que comeza e se transforma para reaparecer lentamente nun movemento silencioso.
Felizmente, este ano en Compostela, entre estas dúas gallas do río Sarela, percorría hai días este lugar de breves e claras augas unha garza real, maxestosa, con lentos pasos hipnóticos. Que augurio traía con ela? Quizais o poema de Vítor… Nel podemos recoñecérmonos nos nomes de lugares que son xeografía íntima: «as corredoiras tortas de Corregins e as abas do Pedroso ali onde tremiam a carqueija e o espinho
Nestes versos fica un canto de amor a esta cidade e á terra que nela está reflectida. Ao reler este poema no severo granito, que diría don Ramón Otero Pedrayo, as letras insculpidas convocan esta luz de setembro no silencio pagano do outono.
Plantamos a árbore do escritor, o carballo, para que, no futuro, como nas terras extremo-orientais, podermos retornar a ela, sentar á súa sombra e lembrar conversas doutro tempo, dun día como o de hoxe, cando as primeiras chuvias outonais percorren parques e fachadas barrocas, onde as badaladas insomnes da Berenguela fan que as rúas de Compostela nunca adormezan.

***

Celebramos hoxe a entrega desta Letra E de Escritor na súa Terra, ao poeta ao escritor Vítor Vaqueiro, na cidade que é lugar onde sempre estamos a ser acollidos pola luz da estrela que guía aos galegos e galegas, que é sempre lugar de chegada, que, en palabras de Otero Pedrayo, «enche o seu vagantío de nubes barrocas, das nubes-magnolia, dun brancor de seixo ou dun azul anxélico», dinos nese monólogo interior, O espello na serán, que marca o paso do tempo en Compostela, que é dicer na Galiza toda.
Aquí, onde o mundo se fai recanto íntimo, memoria colectiva, entregámosche coa Letra E o noso recoñecemento como poeta e como escritor cunha insubornábel altura ética no teu construír un futuro para esta terra, que esta cidade reflicte construída como no poema de Vítor:
«Neno, muller e home / xuntaron / Area, Pedra e Auga/ e ergueron un fogar mollado e quente/que se espetou na néboa mañanceira / como un berro no ceo/ (o ouveo do can fíxose laio). O eixo, / a rella, /os gonzos,/ as fibelas do mundo / renxeron, principiaron un camiño/ de milleiros de séculos
Ese camiño que nos trae até hoxe para celebrarmos todas e todos a túa obra fértil no tempo da túa madureza. En Compostela é onde o noso poeta suma a biografía persoal á memoria colectiva que aquí é caudal de mil ríos, acollendo en si tantas biografías onde as pedras foron talladas para ser erguidas, ao tempo que era ergueita esa outra catedral incorpórea que é o noso idioma.
Aquí, hoxe, co escritor Vítor Vaqueiro e, como pano de fondo, vén tamén o seu tempo xeracional, no que a Galiza enfrontaba máis unha vez o seu destino e Vítor se negaba a facer versos de medo. Estaba á busca da luz e ser parte daquel ecosistema de creación e comunicación de pensamentos, que andaba a dotar á nosa cultura dun sistema literario no que foron deitando a súa luz as mulleres e homes que nos precederon na escrita, alimentando a realidade que nos crea, nun confluír do sentir na súa radical humanidade. As cinzas dun tempo que fican nos dedos cos que Vítor foi capaz, coa súa palabra poética de tronzar a opacidade do real e acceder á súa transparencia.
Dinos Vítor Vaqueiro: «o pensamento é dor», pois custa entrar no escuro para lle arrancar á sombra a luz da palabra e así a facela recén nada e núa. Pois como todo alto poeta, Vítor Vaqueiro é testemuña crítica do tempo que lle tocou vivir. Aínda que o tempo do poeta non é o tempo da historia, pois é outro o xeito de o medir, mais é testemuña da historia do acontecer social e cultural do seu tempo.
Ana Blandiana dinos que «Existimos só na medida en que somos testemuñas da historia, dunha historia que, á súa vez, existe só na medida en que somos as súas testemuñas
O poeta e as poéticas que habitan aquilo que crea Vítor son fillos da experiencia poética, creados na soidade intransferíbel da vida que arde na propia experiencia de crear nun idioma que é fillo dunha memoria colectiva: a súa crisálida.
O poeta, o escritor Vítor Vaqueiro foi escribindo no seu diario de soños desde aquel tempo no que chegou a esta cidade, que é símbolo da nación toda, até hoxe, no que se alimenta unha cultura que é plenitude perpetuamente atravesada dunha pulsión creadora capaz de seducir a un futuro esperanzado.
Para coñecer a obra do noso escritor homenaxeado, é preciso ver nos temas que alimentan o seu mundo poético. Eu creo que é sempre poeta con cada seu libro, sexan de fotografía ou sexan guías de viaxe pola nosa terra, que el percorre para nos achegar á cerna do noso, ao país ou aos os territorios do noso idioma que «os azares da historia fixeron que partillara costumes e comportamentos culturais ademais da lingua ás dúas marxes do rio Miño», dinos Vítor.
Isto acontece tamén cando se achega aos mitos que habitan a nosa cultura, e do que é reflexo a súa Galiza máxica que nos acaroa ao máis íntimo e profundo. Todo, creo, á hora da verdade é un traballo de investigación poetizante que logo el acrisola nos seus poemarios. A vida e as palabras comezaron, dinos, «de ollos amedoñados. O Pensamento é a concavidade onde a Palabra estala, se multiplica, alastra, escinde
Como para Seferis, o poeta grego, para Vítor o idioma está cheo de pegadas de actos que repetimos desde a fundación da nosa terra que nos acolle até os nosos días. A obra de Vítor Vaqueiro lévanos polos camiños interiores desde a súa maxistral Teoría do coñecemento que embebeda toda a súa obra, que xa forma parte do destino desta terra, pois el sinala os abismos da alma humana ao tempo que quere transformar o universo que nos rodea, «dun pobo que está sempre listo a reconstruír o que as borrascas da historia queren derrubar
Parabéns, querido Vítor.

Cesáreo Sánchez Iglesias,
Presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega
Parque de Galeras, Santiago de Compostela.
19 de setembro de 2020