Desde a Deputación da Coruña:
“O xurado do XV Premio Raíña Lupa da área de Cultura da Deputación da Coruña decidiu conceder o galardón á obra Que se me pare o corazón se te esquezo, da escritora Andrea Maceiras. O xurado valorou, entre outras cousas, o tratamento literario dun tema tan actual como as redes sociais.
Un xurado composto polo escritor Antonio Manuel Fraga, o divulgador científico a través das contas “Moléculas en galego” e “Balea Vermella”, Francisco Javier Brea Balea, a libreira Luz Gallego, a escritora, actriz e contacontos Soledad Felloza, ademais do escritor Xosé Antón Neira Cruz, gañador da edición anterior, escolleu a obra de Andrea Maceiras entre as 43 presentadas a esta edición do certame de literatura infantil e xuvenil convocado pola Deputación da Coruña. O xurado estivo presidido polo deputado de Cultura, Xurxo Couto coa xefa de Servizo de Cultura, Mercedes Fernández Albalat como secretaria e a xestora cultural, Helena Torres como comisaria do certame.
Segundo explica o xurado, a obra Que se me pare o corazón se te esquezo, presentada baixo o lema “Plenilunio” aborda “un tema de plena actualidade como é o uso das RRSS, especialmente dos vídeo-blogs, mais tratado dun xeito non moralizante”. A obra, como engaden, “expón situacións duras sempre fuxindo da forma panfletaria”.
Outro dos valores que destacan da novela de Andrea Maceiras é que a acción atrapa o lectorado desde a primeira secuencia e agarra ata o final cunha historia en que son de especial interese as distintas relacións expostas e os afectos vividos polas personaxes.
Ademais, destacan que presenta un bo manexo da linguaxe, que conecta co xeito de sentir e vivir de adolescentes cunha gama diversa de personaxes que facilita a identificación cos mesmos.
Considera tamén o xurado que se trata dunha obra que é necesario incorporar ao sistema literario, que normaliza o uso da lingua galega nas redes. (…)”