VI Xornada da Sección de Literatura Dramática. Artes escénicas e comunidade en tempo de distancias

A VI Xornada da Sección de Literatura Dramática. Artes escénicas e comunidade en tempo de distancias é unha actividade organizada pola AELG co apoio do Concello da Coruña, Deputación Provincial da Coruña, CEDRO e o Centro Camões de Vigo.

Terá lugar o 20 de novembro de 2021 no Fórum Metropolitano da Coruña (Rúa Río de Monelos, 1).
No desenvolvemento desta actividade aplicaranse os protocolos sanitarios vixentes en cada momento. Neste sentido, pregamos que as persoas interesadas en asistir como público soliciten a inscrición previa no correo electrónico oficina@aelg.org

As xornadas da Sección de Literatura Dramática da AELG naceron con vocación de poñer en foco unha das manifestacións artísticas máis senlleiras e estratéxicas dun sistema literario e dunha cultura de seu.
Desde sempre, as artes vivas, especialmente o teatro e tamén a danza, utilizan o movemento, a emoción e, en moitos casos, a acción verbal, a palabra, para contestar, reivindicar, apuntar ou interrogar á comunidade que congregan sobre aspectos fundamentais da actualidade.
Para a VI Xornada da Sección de Literatura Dramática da AELG queremos poñer o foco nun dos aspectos imprescindibles para que a danza e o teatro poidan existir: a comunidade, a co-presenza.
Coincide nesta condición sine qua non das artes escénicas, que requiren da co-presenza e da comunidade, a propia esencia da humanidade. A persoa humana éo grazas á comunidade na que medra e da cal recibe a lingua, a cultura e todo aquilo que conforma o feito de ser.
Desde 2020 sufrimos unha pandemia que interpuxo entre nós, por cuestións sanitarias, unha distancia e incluso épocas de confinamento. Isto tivo e segue a ter unhas consecuencias na nosa saúde, como demostran os estudos e as estatísticas respecto ao incremento de doenzas psicolóxicas e físicas, directamente relacionadas co illamento e con esa obrigación de mantermos a distancia.
Nesta VI Xornada da Sección de Literatura Dramática da AELG queremos indagar en como os textos destinados á dramaturxia e en como as artes escénicas son o mellor antídoto contra a distancia social, psicolóxica, emocional e afectiva, mantendo a distancia sanitaria para que non se produzan contaxios polo coronavirus.
Ou sexa, reflexionar sobre o importante papel das artes escénicas para xerar comunidade, para manter vínculos ao crear un sentimento de pertenza, a través do xogo que os espectáculos nos propoñen.

PROGRAMA

Sábado 20 de novembro
No Forum Metropolitano da Coruña

09:45 h. Apertura da IV Xornada.

IV Festival Pezas dun teatro do porvir, Galiza + Portugal. Procesos abertos de escrita dramática (mañá).
10:15 h. Retake, de Amparo Martínez Paz.
11:00 h. Efecto flash, de Ana Abad de Larriva.
11:45 h. Humanocrono, de Susana Lorenzo Vázquez.

12:30 h. Aula maxistral a cargo de Gonçalo Amorim. Director artístico do FITEI, Festival Internacional de Teatro de Expressão Ibérica (Portugal) e director teatral do TEP (Teatro Experimental do Porto). “Festivais e teatros en tempos de distancias sanitarias”.

IV Festival Pezas dun teatro do porvir, Galiza + Portugal. Procesos abertos de escrita dramática (tarde).
16:30 h. Ditados ou o ter de acabar, de Isabel Milhanas Machado.
17:15 h. Raigame, de Sara Guerrero Alfaro.
18:00 h. Meu rei, de Daniel González Lamoso.