Entrevista de Sandra Faginas a Carlos Callón en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): No libro constatas que ao longo de cinco séculos falar e escribir en galego foi unha heroicidade. Que anécdota che sorprendeu máis?
– Carlos Callón (CC): Eu non sabía que os fascistas profanaran a tumba de Alexandre Bóveda para cambiarlle o nome na lápida que el mesmo deixara disposta antes de que o asasinasen, porque el quería que puxese Alexandre en galego. E houbo franquistas que entraron na tumba e lle puxeron un iota por riba. Tamén me sorprendeu que non estivesen recollidas en ningún libro a cantidade de multas que se poñían por falar galego en público, ou ese expediente que se abriu a un funcionario da Deputación de Lugo por «exagerado acento gallego». Sorprendéronme moitas anécdotas.
– LVG: Ti partes de varias premisas ou falacias. Unha delas é que o galego non só foi perseguido no franquismo.
– CC: Si. Hai quen pensa que a situación do galego actual de perda de falantes é debida a que a xente espontaneamente non o ama ou porque non se reclamou a súa extensión social, pero o franquismo só aplicou unha política que xa era habitual. Durante a Segunda República o galego non foi lingua oficial non porque non cumprise os criterios, como foi o caso catalán, senón porque se lle puxeron paus na roda. Castelao pediu nas Cortes Constituíntes en 1931 que non se obstaculizase o uso do galego na Administración e votouse en contra. E antes, en 1910, pediuse a cátedra de galego para Santiago e o gobernador civil interveu parando esas mobilizacións. Hai moitos exemplos.
– LVG: En que época houbo máis represión?
– CC: Hai tres momentos traumáticos: a finais do século XV, coa doma do reino de Galicia por parte dos Reis Católicos, outro coa chegada dos Borbóns no século XVIII, que significou a agresividade escolar e as tentativas de desgaleguización. É cando se publica algún regulamento que di que hai que perseguir aos nenos na escola que falen galego. E o terceiro foi o franquismo.
– LVG: Cal foi a maior multa por defender o galego?
– CC: Se non me falla a memoria, foi para La Voz de Galicia. Nos anos 60 permitiuse utilizar na misa a lingua que a xente falaba, e no Estado español foi así para o castelán, o vasco e o catalán, pero non para o galego. Entón empezou unha mobilización en defensa da lingua, que penso que foi a maior do século XX, na que La Voz tivo un papel destacado. Deulle un premio Fernández Latorre a un artigo que defendía a misa en galego e por esa causa impúxoselle unha multa de 50.000 pesetas. Tamén á mestra Pepa Baamonde deixárona medio ano sen soldo por falar en galego a nenos de 4.º de primaria. Hai moitos casos.
– LVG: Como o do taxista.
– CC: Si, foi en 1972. Déronlle 48 horas para rotular o seu coche co nome de Rianjo en lugar de Rianxo. Se non o facía, quitábanlle a licenza. Eu agradecinlle en persoa a ese taxista, que puido asistir este verán ao acto de presentación do libro e contou alí mesmo a historia. Un relato que di moito porque son historias de xente que levantou a voz e non quixo asumir esas prohibicións como algo natural. Persoas que querían poñerlle nomes galegos aos fillos e non podían, ou aquelas ás que obrigaban a castelanizarlle o apelido, como esa señora que de golpe pasa de ser Meixide a Meigide. (…)”