Encontro da Federación Galeusca 2024 en Palma de Mallorca


O Encontro da Federación Galeusca 2024, organizado pola AELC, coa participación da AELG e da EIE, conta co apoio de CEDRO e a Institució de les Lletres Catalanes, xunto coa colaboración da Obra Cultural Balear, Ca n’Alcover e Etxepare Euskal Institutua.

Fundada formalmente en 2008, e con precedentes de encontros anuais históricos celebrados desde 1984, a Federación Galeusca está formada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), a Euskal Idazleen Elkartea (EIE) e a Associació d’Escriptors en Llengua Catalana (AELC). Representa case 2800 autoras e autores, tanto escritoras/es como tradutoras/es, retomando neste 2024 a súa actividade pública no décimo aniversario do seu último encontro.

O eixo vertebrador deste encontro é a tradución como vía de internacionalización literaria: como a conversa entre literaturas escritas en diferentes linguas pode contribuír á superación das fronteiras administrativas e culturais, á vez que fomentar a promoción e a difusión das literaturas galega, vasca e catalá nun contexto global.

Terá lugar o 29 de maio de 2024 en Ca n’Alcover (Carrer de Sat Alonso, 27, Palma de Mallorca), con entrada libre.

O programa previsto é o seguinte:
– 12:30 h. Lectura da Declaración de Palma. Rolda de prensa aberta ao público xeral. Con Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), Joxemari Carrere, representante da Euskal Idazleen Elkartea (EIE), e Sebastià Portell, presidente da Associació d’Escriptors en Llengua Catalana (AELC).
– 18:00 h. Diálogo entre tradutoras/es: «A tradución como unha ferramenta de internacionalización de literaturas minorizadas». Con Garazi Arrula, María Reimóndez e Lluïsa Soaz.
– 19:30 h. «De ida e volta»: recital poético-musical en catalán, éuscaro e galego. Coa voz poética de Sebastià Alzamora, Castillo Suarez e Marga do Val, e co acompañamento musical de Clara Fiol Dols.