Crónica fotográfica do Encontro da Federación Galeusca 2024 en Palma de Mallorca

Estas son algunhas das fotografías do Encontro da Federación Galeusca 2024, organizado pola AELC, coa participación da AELG e da EIE, conta co apoio de CEDRO e a Institució de les Lletres Catalanes, xunto coa colaboración da Obra Cultural Balear, Ca n’Alcover e Etxepare Euskal Institutua. Tivo lugar o 29 de maio de 2024 en Palma de Mallorca, con este programa. A crónica fotográfica completa (obra de Carme Esteve/AELC) pode verse aquí, onde tamén se recollen fotografías enviadas por María Reimóndez.

Encontro da Federación Galeusca 2024 en Palma de Mallorca


O Encontro da Federación Galeusca 2024, organizado pola AELC, coa participación da AELG e da EIE, conta co apoio de CEDRO e a Institució de les Lletres Catalanes, xunto coa colaboración da Obra Cultural Balear, Ca n’Alcover e Etxepare Euskal Institutua.

Fundada formalmente en 2008, e con precedentes de encontros anuais históricos celebrados desde 1984, a Federación Galeusca está formada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), a Euskal Idazleen Elkartea (EIE) e a Associació d’Escriptors en Llengua Catalana (AELC). Representa case 2800 autoras e autores, tanto escritoras/es como tradutoras/es, retomando neste 2024 a súa actividade pública no décimo aniversario do seu último encontro.

O eixo vertebrador deste encontro é a tradución como vía de internacionalización literaria: como a conversa entre literaturas escritas en diferentes linguas pode contribuír á superación das fronteiras administrativas e culturais, á vez que fomentar a promoción e a difusión das literaturas galega, vasca e catalá nun contexto global.

Terá lugar o 29 de maio de 2024 en Ca n’Alcover (Carrer de Sat Alonso, 27, Palma de Mallorca), con entrada libre.

O programa previsto é o seguinte:
– 12:30 h. Lectura da Declaración de Palma. Rolda de prensa aberta ao público xeral. Con Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), Joxemari Carrere, representante da Euskal Idazleen Elkartea (EIE), e Sebastià Portell, presidente da Associació d’Escriptors en Llengua Catalana (AELC).
– 18:00 h. Diálogo entre tradutoras/es: «A tradución como unha ferramenta de internacionalización de literaturas minorizadas». Con Garazi Arrula, María Reimóndez e Lluïsa Soaz.
– 19:30 h. «De ida e volta»: recital poético-musical en catalán, éuscaro e galego. Coa voz poética de Sebastià Alzamora, Castillo Suarez e Marga do Val, e co acompañamento musical de Clara Fiol Dols.

A AELG solidarízase coa Associació d’Escriptors en Llengua Catalana e esixe que remate a vixilancia especial contra as institucións literarias catalás

A Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega, AELG, manifesta publicamente a súa solidariedade coa Associació d’Escriptors en Llengua Catalana, AELC, na denuncia do sometemento a «vixilancia especial» da Institució de les Lletres Catalanes e o Servei de Biblioteques de la Generalitat. Isto significa que teñen intervidas as contas e as partidas reservadas para as actividades, é dicir, dun golpe o goberno central vén de pór a 0€ estas institucións, impedindo a realización das actividades culturais que lles corresponden.
No caso concreto do Servei de Biblioteques suspéndense, segundo afirmou o propio servizo, actividades de fomento da lectura, xornadas profesionais, traballos do catálogo e do carné único ou a compra de libros.
Desde a AELG expresamos o noso apoio e a nosa solidariedade cos escritores e escritoras catalás e denunciamos esta persecución sen límites contra a cultura catalá. Non existe ningún motivo, ningunha razón, ningún argumento legal nin paralegal, que xustifique unha actuación que é contraria a un sistema que se autoproclama democrático.
A AELG esixe que se poña fin á vixilancia especial contra estas institucións e o que é, de feito, unha persecución contra a cultura e a lingua catalás.
A AELG envía unha fraternal aperta ás e aos colegas da Associació d’Escriptors en Llengua Catalana e exprésalles o seu apoio na súa denuncia desta intervención inxustificábel.

23 de setembro de 2017
O Consello Directivo da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG)

Tres poetas da Galiza recitarán no ciclo Voces paralelas das letras catalás, so 29 de xuño ao 6 de xullo

Desde Sermos Galiza:
“Chus Pato, Gonzalo Hermo e Estíbaliz Espinosa serán as voces galegas que partillarán coas catalás de Sebastià Perelló, Susanna Lliberós, e Adrià Targa o ciclo Voces paralelas que levará o encontro poético galego-catalán a diversas localidades de Cataluña, Valencia e Mallorca. De Fisterra ao Cap de Creus é o lema que acompaña á xira literaria.
Desta volta, o ciclo reúne a tres poetas cataláns de xeracións diferentes con tres voces convidadas desde Galiza. Será a actriz Mireia Chalamanch a que guiará o espectáculo e recitará en catalán a obra galega nas distintas citas que se desenvolverán en Cataluña, Valencia e Mallorca desde o 29 de xuño ao 6 de xullo. Espazos singulares acollerán o espectáculo poético que ten Galiza desta volta como país convidado. O claustro de Sant Francisco de Vilafranca del Penedès, o claustro Sant Pau do Centre Tarraconense, o Centro de Cultura Contemporánea de Valencia, o Convento, espazo de arte de Vila-real, a Llibreria Quars de Palma ou El Born Centre Cultural de Barcelona son algúns escenarios nos que terá lugar o encontro Voces paralelas, Veus Paral-leles na súa 12 edición. (…)”